|
Moncho Fernández Leal
A anunciada dimisión de Rodrigo Rato coma director xeral do Fondo Monetario Internacional (F.M.I.) pon de manifesto, ao marxe do que exprese o interesado, que a institución non goza de boa saúde. A cada son máis as voces que falan de rematar con este modelo.
O FMI naceu nun pequeno pobo, Bretton Woods, perto de New York, en xuño de 1944, un mes despois do desembarco de Normandía. Xa se sabía quen ía perder a guerra, tratábase de deixar claro quen a gañaba. O presidente de EE.UU. Roosevelt convoca a máis de 700 representantes de 44 estados. Pero anteriormente, dende setembro de 1943, xa negociaran os delegados de Inglaterra e EE.UU. as bases do novo modelo. O primeiro obxectivo foi o de garantir a estabilidade na paridade de moedas, de xeito especial do dólar, recente aínda a crise de 1929. A partires dos anos 70, coa crise económica e do petróleo, o FMI existe para controlar as economías do chamado Terceiro Mundo e a devolución da débeda externa. En 1979 coa entrada de McNamara, antigo secretario de defensa de EE.UU. e impulsor da utilización de napalm contra a poboación vietnamita, o Banco Mundial comeza a outorgar os préstamos de axuste estrutural, condicionados sempre a cambios de leis nos países favorabeis ao gran capital. O FMI é un dos axentes máis importantes na coacción da soberanía dos estados. Os imperios non se construíron mediante amorosas relacións entre pobos, senón que xurdiron da guerra e do expolio. Sempre. Venezuela xa anunciou a súa marcha do FMI. Arxentina, Brasil, Uruguai, Indonesia e Filipinas reembolsaron dunha soa vez o que debían, impedindo o cobro de intereses. O FMI representa un modelo fracasado onde un só país, EE.UU. ten o dereito de veto nas grandes decisións económicas. E iso é máis importante que a cadeira de Rodrigo Rato. |