|
Domingo, 09 de Outubro do 2005 |
América no espello
Gustavo Luca Temos que celebrar a posta en marcha de
Telesur, o primeiro servizo público multiestatal do mundo. Telesur nace
coa participación do Brasil, Uruguai, Arxentina, Cuba e Venezuela.
Despois de medio milenio de mirarse a través dos lentes do colonizador,
América pode por fin ver a súa imaxe fronte o espello.
A necesidade de dotarse de información propia era un clamor en toda
a América que non fala inglés. Tamén era a recomendación do informe
McBride aprobado por unanimidade na XX asemblea da UNESCO (1978). O
goberno norteamericano entendérao coma unha agresión ao seu pluralismo
informativo unidimensional (o invento da virxinidade multípara ou a
virtude viciosa) e deixou de pagar á ONU en represalia. Se
Martí e Bolívar levantasen a cabeza verían un continente que xanta e
cea a diario cos actores de Hollywood sentados á súa mesa e non sabe
que o veciño de México ou de Arxentina ten actores e cine e teatro de
primeira. Un latinoamericano en Bruxelas ou París está máis ao tanto da
información, o cine e o teatro continental que os que non emigraron. A
proba da importancia do proxecto de Telesur está na ameaza lanzada polo
demócratas do Norte: “Se unha información de Telesur non nos parece
axeitada, actuaremos”. Traducción: poden bombardear Telesur como xa
fixeron en nome da democracia coa televisión de Belgrado e con Al
Jazeera. Antes caciquearán cos socios dos satélites de televisión e as
redes de cabo para negaren o sinal a Telesur. Os socios da nova emisora
están confiados: “Hai satélites e redes de terra que non son deles.” Telesur
rompe o monopolio informativo dos Estados Unidos sobre o continente e
abre outras portas. Por exemplo á da información de Latinoamérica que
circula na UE, a penas unha migalla desviada da que quere Norteamérica.
Tamén é Telesur unha potencia de televisión participada por cinco
Estados cos que os galegos temos non pouca relación histórica. A TVG
vai estar atenta, de seguro, a producción en portugués (a lingua que
navegou dende a nosa beira para Cabralia, na costa do nordés
brasileiro, hai tantos anos) máis plural e financiada do mundo. As
televisións de Euskal Herria e Catalunya xa están en conversas cos da
Telesur. (ANT 1.187) |