|
Ângelo Gonçalves Non parece demasiado recomendábel para unha familia como a Franco, levando en conta o presente que aínda está o pasado que o tal nome evoca, aparecer nos medios de comunicación por asuntos ligados ao seu patrimonio. E isto porque é claro que unha parte deste foi adquirida polo vello Francisco, aproveitándose dunha posición adquirida de modo ilexítimo e ilegal.
Non é xusto culpar os descendentes de Franco do que fixo. Mais tampouco parece xusto que os descendentes de Franco se beneficien da súa "obra", porque esta foi unha barbaridade execrábel, absolutamente inxustificábel, que merece castigo e nunca premio. E non constitúe un premio a Franco que a súa familia conserve o que el gañou polas armas, derrocando un goberno e todo un sistema político democrático? A familia Franco probabelmente sabía que, ao se negar a deixar entrar os inspectores de Patrimonio da Xunta da Galiza, ían pasar a ser parte do debate público. Con certeza sabían que, no tal debate, habería comentaristas de importantes xornais galegos que indicarían que o seu patrimonio ascende, polo menos, a 57.000 millóns de pesetas, ou que serían referenciados anteriores intentos seus de atentar impunemente contra o patrimonio galego, ou que se faría referencia, como aquí, á máis que cuestionábel lexitimidade da orixe de parte da súa riqueza. No entanto, negouse. Terán algo a ocultar no Pazo de Meirás tan importante como para preferir artigos como este, decerto indesexábeis para elas e eles? Ou pensan que o Estado continúa en certo modo hoxe, como no pasado, a ser patrimonio familiar e que, por tanto, poden facer o que quixeren impunemente? |