topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3453863

Alternativas visuais

js_element_orange
Buscando toneladas baixo o Ártico PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 30 de Setembro do 2007

Xabier Pérez Davila

Xabier Pérez Davila 

O sistema de contabilidade convencional presenta os intercambios dunha economía co resto do mundo en termos monetarios. Entre os estados desenvolvidos algúns, como Alemaña e Xapón, acadan superávit comercial: exportan máis mercadorías, en euros, das que importan, outros, EEUU, o Estado español, teñen un enorme déficit, o valor das súas importacións supera en moito o do que exportan. Esta contabilidade monetaria agacha outra información que non interesa á ciencia económica dominante, ortodoxa, que ocorre co intercambio medido en termos físicos, en volume?

J. M. Naredo1 estuda o balance exterior da economía española en termos físicos, en toneladas. En 1955 o saldo era positivo, a economía española exportaba un millón de toneladas máis das que importaba. A partir do ano 1959, segundo comeza o despegue económico o saldo tórnase progresivamente negativo. En 1961 o Estado español necesitaba importar 5.000 millóns de toneladas máis das que exportaba, en 1975 54.000 millóns e en 2000 o déficit físico acadaba as 127.500 millóns de toneladas. Unha economía chega á categoría de desenvolvida cando a súa capacidade de compra lle permite importar "territorio" do resto do mundo. Así no ano 2000 a economía española tiña un déficit de case 8.000 millóns de toneladas de produtos agroalimentarios, 96.000 millóns de toneladas de produtos enerxéticos, 10.000 millóns de toneladas de produtos minerais e 14.000 millóns de toneladas de manufacturas.

Esta necesidade de importar "mundo" non é unha característica específica da economía española. Os países desenvolvidos incorren en déficits físicos crecentes. En 1981 o seu déficit físico ascendeu a 953.000 millóns de toneladas, en 1990 a 1,14 billóns e en 2000 a 1,5 billóns de toneladas. En canto un territorio consegue pasar da categoría de pobre á de desenvolvido necesita apropiarse dos minerais, materia vexetal e combustíbeis fósiles que se extraen ou se producen fóra das súas fronteiras políticas. Necesita territorio tamén noutro sentido: para absorber os residuos da produción e o consumo, en primeiro lugar as emisións de CO2 e gases de efecto invernadoiro.

Este déficit físico pode ser descrito desde distintos puntos de vista. Así as análises do imperialismo clásico falan das colonias como fornecedoras de materias primas. A economía ecolóxica ten creado o concepto de "pegada ecolóxica" (footprint en inglés), número de hectáreas per cápita que necesita unha economía para extraer os recursos que emprega e para depositar os residuos que produce. Cada estadounidense necesita 10 hectáreas para termar do seu "American way of life", só dispón de 6, cada europeo necesita 5, mais apenas dispón de 2 hectáreas no propio territorio. Que a demanda chinesa de petróleo, cereais, leite ou minerais metálicos dispare os prezos nos mercados mundiais quere dicir que está a "desenvolverse", é dicir, que a súa economía, que produce enormes superávits monetarios, pode chegar a ser deficitaria en termos físicos.

Esta realidade está detrás de boa parte dos conflitos e movementos da política internacional. En Sudán, Darfur, enfróntanse os intereses da R.P. China e EEUU polo control da reservas de petróleo. A presenza estadounidense en Iraq e Afganistán é consecuencia do despregamento do poder militar estadounidense, 702 bases militares en 40 países sen contar a rede de vixilancia, para controlar os recursos petrolíferos da zona e cercar China e Irán. Unha compoñente importante da ocupación israelí de Palestina explícase pola "necesidade" de auga, que se lles furta aos campesiños palestinos.

Mais como o noso planeta vaise facendo a cada máis pequeno o sistema económico dos países desenvolvidos necesita novos territorios dos que tirar recursos, unha vez esgotados os de máis doado acceso. O efecto invernadoiro ofrece unha oportunidade inesperada. A rápida redución da capa de xeo que cobre as augas do Ártico permitirá a curto prazo a apertura dunha nova vía marítima para o transporte de mercadorías entre Asia e América, o Paso do Nordeste, e facilitará a extracción dos valiosos recursos enerxéticos ( gas, carbón, petróleo) e minerais (tantalio, molibdeno, ouro, prata, platino) que xacen debaixo do fondo mariño. Neste agosto Rusia chantou unha bandeira de titanio a máis de 4.200 metros de profundidade tentando demostrar que o solo ártico é unha prolongación da súa plataforma continental. Noruega, Canadá, Dinamarca e EEUU compiten con Rusia pola soberanía desta nova fronteira. Buscan máis toneladas para alimentar os seus sistemas produtivos desenvolvidos. Cando as exploten emitirán máis CO2.


1Raíces económicas del deterioro ecólogico y social, Más allá de los dogmas, José Manuel Naredo, S. XXI.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.