|
Por Emilio Comas Paret (*) Desde a fiestra da miña casa vexo a casa do veciño. Pintada de azul forte dende hai tempo (de a pouco déranlle outra man) ten un teito vermello que reloce ao sol; á fronte corre unha rúa, case sempre solitaria (un caleixón do reparto habaneiro no que estamos). Cruzando esta via hai unha nova construción que segundo din en algo ten que ver co meu veciño e ainda que xa lle puxeron o ramo ninguén mora nela e no barrio non se sabe por qué.
As veces, da mañá cediño, mentres tomo ese café rexo ben coado co que de verdade arranco para o traballo, véxoo saír da súa casa. Todo vestido de verde, a pistola colgando á beira dereito do corpo, as botas de cana alta e a pucha negra. Espérao un vello auto Volga, negro, da época soviética, ao cal sobe caladamente logo de saudar con discreción ao chofer. Tal parece que meditase profundamente e que nada referido ao ambiente cotián lle afectase; só o saúdo dalgún veciño arríncalle o breve sorriso e certas palabras de cumprido. Ás veces, de camiño para o carro prende un charuto e con todo e a distancia que nos separa, podo, nun alarde de imaxinación, apreciar o seu recendo de Vueltabajo. Un veciño que traballa canda él, di que é home doado e moi mirado no trato cos demais. Ora, cando ten unha razón deféndea diante de quen sexa. Dinque lle gusta tomar mate amargo nunha cachimba de bico á que chama cabazo e que chucha no líquido por un cano metálico, coma unha culleriña de cabo longo á que chama "bombilla". Conta este veciño que o que máis lle gusta é o "ajiaco" ao que da nome de de "olla podrida" e que unha vez, estando alguén de visita para xantar na casa azul escuro, viu cando lle serviron arroz, malanga e bisté e ao invitado arroz, malanga e ovo frito que o home, notando a diferenza, colleu un coitelo e lañou a carne pola mitade para compartila co invitado. Di que a lea que lle botou ao cociñeiro aínda se pode escoitar. "É que non había máis carne, só ese bistesito", din que dixo o outro. Alguén comentou tamén que é médico, ainda que non exerce, e que lle gusta facer fotografías e ler, mesmo poesía, e colecciona poemas de Martí, Vallejo, Guillén e Neruda. Non son amigo do meu veciño, aínda que algunha vez compartín con él un saúdo, e en certa ocasión oíno falar ante un grupo reducido sobre unha fábrica que nos venderan os checos, socialistas daquela, e que segundo dixo era a obsolencia mesma da tecnoloxía. Algo así como un calote. Escoitando a miña historia, alguén contou que sentira como chamaba covardes a certos burgueses por térense deixado nacionalizar determinada industria. (O termo que usou non foi precisamente covardes, foi algo máis brután; non é cousa de polo aqui) Din todos que o meu veciño morreu hai corenta anos nunha selva remota, pero iso non é verdade, porque ou eu estou tolo e co Mal de Azheimer, ou o vexo chegar ben de madrugada algunhas noites en que hai desvelo, ou nas mañás aínda bretemosas descúbroo subindo ao seu vello auto Volga negro e dobrar logo na esquina con rumbo á Praza da Revolución. Sempre enfundado no seu traxe verde, coa pistola, as botas de cana alta e a súa boina dunha soa estrela luminosa. (*) Emilio Comas Paret é escritor cubano. Traducción de Gustavo Luca |