|
Moncho Fernández Leal A cotidianidade anestesia a sensibilidade. As novas, moitas das veces con imaxes, de inmigrantes, que chegan ás costas canarias, e morren porque non son quen de moverse non produce ningún cataclismo social. Fanse análises, danse opinións sobre a axuda aos países pobres, esquecendo as máis das veces que o continente africano é un territorio expoliado, do que ao sistema lle interesa máis a terra que a súa xente.
Por outra banda son a cada máis frecuentes as voces que se escoitan na nosa terra, o país da emigración, contra a presenza de persoas que veñen doutros lugares, que son doutras razas. Se é indignante no mundo, tiña que ser inconcebible na terra de Rosalía. No mundo que vive na miseria, a clase dominante está illada do resto en mansións que son os contemporáneos castelos medievais. A seguridade mídese no número de policías ou gardas privados. Na nosa sociedade están en auxe as terapias individuais, solucións singulares que foxen do plural. Cadaquén vai sendo unha fortaleza que comunica pouco co exterior. O individualismo icona política do liberalismo económico, considera ao estado algo molesto que regula e que só debe funcionar para manter a orde establecida. Cando acontece unha catástrofe natural, coma o ciclón Katrina, o terremoto de Perú ou o Prestige, vense ás claras a catástrofe artificial que se agocha debaixo das naturais e que supón que a solución é sempre individual ou da xente pola súa conta. O estado, que tan ben funciona reprimindo, desaparece porque non ten ningunha efectividade. A actualidade fai esquecer preguntas básicas. Onde están a vivir agora en Perú ou Nova Orleáns quen perdeu a súa casa?. Por que en Cuba non hai mortes neses fenómenos?. |