VOCES QUE REPRESENTAN
Moncho Fernández Leal Neste mes vaise celebrar en
Salamanca a reunión anual de xefes de estado e de goberno que responde
ao nome de Cumio Iberoamericano. Tendo a convicción de que tan
importante é na teoría que todos os estados representados teñan
profundas e proveitosas relacións, coma que na práctica son
inoperantes, hai, non obstante, que matizar.
A América Latina e indíxena é o territorio onde máis se están a
vivir situacións, que van, a modiño, dando froitos de cambeo. En Brasil
hai un importante debate que vai máis alá das corrupcións. A propiedade
da terra é o referente. En Uruguai goberna por primeira vez unha forza
da esquerda. En Ecuador e Bolivia hai organizados movementos
indixenistas que teñen moita forza. En Arxentina xa aprenderon que
cousa é o neoliberalismo...... Pero hai, de xeito especial,
dúas realidades que non nos poden deixar indiferentes: A Revolución
cubana e o proceso bolivariano de Venezuela. As agresións que sofren
por parte de EE.UU.que, namentres, é incapaz de evacuar á súa cidadanía
nas catástrofes, son continuas no económico e permanentes nos medios de
comunicación. Pero o mundo, tamén nese réxime, non é unipolar. Así coma na II República española, Viet Nam ou na Nicaragua sandinista, movementos internacionalistas fan escoitar a súa voz. O
sábado 15 de outubro haberá en Salamanca unha manifestación e un acto
cultural de apoio a Cuba e Venezuela. Pola amizade dos pobos, por
tanto, contra o imperialismo, que segue a existir, aínda que non se
nomee nunca nos telexornais. Quen consideramos que non
estaremos representados coma nación nese Cumio, tamén sabemos que, ao
menos, as delegacións de Cuba e Venezuela si estarán a falar por nós en
tantas cousas que comparten os pobos e as xentes deste ameazado
planeta. |