topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454125

Alternativas visuais

js_element_orange
Sobre o euro-escepticismo das clases traballadoras da UE-15 PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 28 de Outubro do 2007

Xabier Pérez Davila

Xabier Pérez Dávila 

O 71% dos habitantes do Estado español consideran que as desigualdades de renda son excesivas. Esta porcentaxe chega en Alemaña, Gran Bretaña, Francia e Italia ao 78%, a máis alta dende a 2ª Guerra Mundial. Unha parte moi importante das clases traballadoras apoñen o deterioro da situación social ás Institucións Europeas e as súas política públicas. O economista Viçenc Navarro nun artigo publicado en Le Monde Diplomatique describe os elementos que definen o deterioro social europeo: desemprego, descenso da participación dos salarios na renda nacional, aumento do ritmo de traballo e rebaixa da protección social

O taxa de desemprego que até os anos 70 se mantivera por debaixo do 2% e até 1976 non chegara ao 4%, ascendeu paseniño acadando un máximo do 11% a mediados dos anos 90. No ano 2004 afectaba a un 8% da poboación activa da UE-15.

Porén o indicador máis significativo da evolución do capitalismo europeo é a participación dos salarios na renda nacional. En 1970 os salarios supuñan, aproximadamente, un 63% da renda total da UE-15. En 1976 aumentaron a súa participación até un máximo histórico do 67%. Dende ese ano devalan durante 3 décadas. En 2005 a compensación do traballo perdera 9 puntos porcentuais e representaba o 58% da renda total da UE-15. Este descenso da participación dos traballadores na renda adquire máis gravidade de termos en conta que no período de referencia aumentou a porcentaxe de poboación empregada: unha porcentaxe maior de persoas traballadoras gañan entre todas unha porcentaxe menor do produto social.

O incremento da intensidade do traballo provoca stress nas persoas traballadoras. A porcentaxe de persoas que realizan o seu traballo en situacións estresantes pasou do 32% da poboación ocupada en 1991 ao 45% en 2005. Un indicador claro do aumento da explotación capitalista e da correlativa perda de control dos traballadores sobre as súas propias vidas. A presión competitiva espreme os corpos e a s mentes.

O cuarto elemento deste escenario é o descenso do nivel de protección social. A taxa de crecemento do gasto social por habitante descendeu ao tempo que medraban os grupos necesitados de maior protección como anciáns, nais solteiras e outros.

Ao par deste deterioro social dáse un incremento dos beneficios empresariais que foi do 33,2% entre 1999 e 2006. Nese mesmo período os custos laborais so medraron un 18,2%.

Os órganos de goberno da Unión Europea seguen a propor políticas de flexibilidade do mercado laboral; harmonización fiscal, é dicir, uns impostos máis regresivos; privatizacións de empresas públicas, que serven para que os novos directivos-propietarios aumenten desproporcionadamente os seus salarios a costa das retribucións ou os despedimentos dos traballadores. O Banco Central Europeo vixía obsesivamente a evolución da inflación mentres se desentende da evolución do paro e a economía.

As institucións europeas, non electas, o mesmo que o FMI e o BM promoven políticas económicas que non poderían impor de ter que se someter ao escrutinio democrático. O capitalismo mundial achou un mecanismo que lle permite pular políticas favorábeis aos seus intereses sen respectar os equilibrios que a democracia estabelece nos estados. O que non pode propor un partido político que debe presentarse ás eleccións pode acordalo un organismo supra-estatal que se presenta como técnico e aséptico. É daquela estraño que sectores crecentes das clases traballadoras europeas miren con desconfianza os proxectos económicos e sociais das euro-burocracias?

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.