|
Facturas sen cobrar
Gustavo Luca A que se debe a impaciencia de certos grupos de capital hispánico con Cuba? Lendo os editoriais destas altas torres do diñeiro, máis parece que tivésemos diante dos ollos a prosa resentida do Diario de la Marina contra Antonio Maceo, non sendo que xa pasaron cento quince anos, un nada, e que Cuba é soberana.
Os morteiros que dirixen contra Revolución cubana levan carga dobrada e, por veces, tan cegamente disparan que caen no ridículo. Odian, no primeiro, outras empresas da UE (sobre todo as españolas) que manteñen acordos comerciais e de negocios con Cuba. Anticipan os beneficios da especulación e non ven chegada a hora de cambiar as leis igualitarias e de interese público da Revolución. Porén, o que non poden comprender e o que máis lles estorba é o prestixio que ten hoxe Cuba n´América. A proposta de inzar de focos de resistencia armada todo o continente, nos 60, non era tan temíbel para eles coma o referente moral e político que Cuba representa hoxe no que Martí chamaba Nuestra América. Despois de miles de millóns de dólares para comprar a asemblea da OEA (Organización de Estados Americanos) contra a Revolución, o que salta á vista é o fulminante descrédito dos xefes de goberno que ceden ás presións da embaixada norteamericana e votan contra Cuba. Quen se acorda de Jorge Batlle? Canto vai durar Vicente Fox? Que máis lle queda por facer en política a Fernando Henrique Cardoso? O desembarco do capital español nesta América, ao chamado das privatizacións, trouxo dolarazos, caracazos, corralitos e ruínas varias entre as que non deixa de ser simbólica a do Ecuador que deserta entre bágoas da súa propia moeda. É humano non recoñecer a propia torpeza, pero algúns bancos con nostalxia imperial e idioma español (non é a primeira vez que se lles escanastra o alpendre) van máis alá e culpan a Cuba por todas as facturas que agora non poden cobrar en América. Esta é a verdadeira razón do seu anoxo e por iso alborotan nos diarios e emisoras dos seus grupos de presión contra a soberanía cubana. (Publicado en ANT) |