|
Moncho Fernández Leal As reaccións á lembranza mundial do aniversario do asasinato do Che Guevara poden dar unha idea da importancia que ten o comandante de guerrilla cubana e da vixencia da súa figura.
O xornal El país dedicoulle unha editorial que parecía cociñada polos cerebros da cadea de Guantánamo. Na práctica viña a considerar a Guevara un dos responsabeis do terrorismo internacional. Algúns analistas a compararon con outra de hai xusto dez anos onde o ton era, coa ambigüedade socialdemócrata iso si, respectuoso. En todo caso o xornal sacou o banco que todos os medios de grande tiraxe teñen dentro. As cartas recibidas polo xornal en protesta foron, segundo fontes da empresa, as máis numerosas da historia. O imperialismo empregou moitos cartos en pagar a autoría de artigos e libros que se dedicaron a terxiversar, a fabricar discrepancias, a alcumar de aventureiro tolo e fracasado ao proxecto liberador do lendario internacionalista. Hai unha historia oficial promovida por Washington que fala en concreto de enfrontamentos entre Fidel e o Che. O descoñecemento nalgún caso e a belixerancia contra a Revolución cubana na meirande parte, fan obviar as cartas cruzadas entre ambos líderes, cando o Che estaba xa clandestino no Congo. Pero a mellor demostración son as derradeiras fotos de Guevara en Cuba, xa mascarado coma home de negocios para entrar en Bolivia, con Orlando Borrego, o seu colaborador no Ministerio de Industria e con Fidel avaliando a súa apariencia. Fica claro que lembrar a Guevara coma unha aportación clave na análise da situación dos países expoliados leva parello á defensa da Revolución cubana, unha das obras nas que participou e que está aínda vixente. Esa pedra na bota que ten a diplomacia imperial dende hai 48 anos. |