topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3453856

Alternativas visuais

js_element_orange
O impacto da edificación na economía e no medio natural. (II) PDF Imprimir Correo-e
Luns, 17 de Decembro do 2007

Xabier Pérez Davila

  • Consuminos un 30% máis de terra, un 50% máis de enerxía e un 16% máis de auga

No primeira parte deste artigo resumía os datos que achega o informe Edificación y Sostenibilidad Ambiental en España (1) sobre as consecuencias sociais e económicas do boom inmobiliario. O impacto da edificación sobre os recursos naturais é máis prolongado no tempo. A análise céntrase na alteración do solo, no consumo enerxético, na auga e nos materiais e residuos.

A maior ocupación do solo decorre do cambio do estilo de poboamento. As agrupacións compactas de aldeas, vilas e cidades están a ser rapidamente substituídas por grandes superficies de vivendas unifamiliares, acaroados e urbanizacións. Ao mesmo tempo proliferan as infraestruturas de comunicacións (estradas, autoestradas, AVEs:::), as zonas comercias e de ocio e as zonas de extracción (canteiras, areeiras...) e vertido. O resultado? Entre 1990 e 2000 a poboación aumentou un 5%, mais a superficie artificializada o fixo un 29%. Cal é a previsión para o futuro? De se manter o ritmo construtor destes últimos anos a superficie artificial acadaría os 20.000 quilómetros cadrados no ano 2021 cun incremento do 149% con respecto a 1991. Esta brutal ocupación da terra faría que en 30 anos o solo ocupado por cemento e asfalto pasase do 3,8% (2) da superficie total a case o 10%. Se se aprobase unha nova lexislación máis restritiva e se implantasen modelos territoriais e urbanísticos baseados en criterios de sustentabilidade a superficie artificial sería no ano 2021 de "só" 15.000 quilómetros cadrados cun aumento do 86% con respecto ao ano de referencia.

Entre 1991 e 2004 o consumo de enerxía aumentou moi intensamente. De consumirmos 26.877 ktep (3) pasamos a un consumo de 41.026 ktep, un incremento do 52% para un aumento da poboación do 11%. As causas deste incremento? O baixo prezo da enerxía, a falta de conciencia social sobre as implicacións ambientais do consumo enerxético, a insuficiente lexislación e, moi importante, a rápida penetración do ar condicionado. Se se mantivese o ritmo de aumento do consumo de enerxía no ano 2021 estariamos a emitir 168.000 Kt de CO2, un 83% máis que no ano 1991. A reutilización de materiais, os novos deseños pasivos bioclimáticos e as melloras na eficiencia das instalacións nas vivendas permitiría un aforro notábel e o aumento das emisións con respecto ao ano 1991 sería no 2021 de só un 4%.

Con respecto á auga a agricultura segue a ser a gran consumidora cun 75% do total. O Aumento do consumo (16%) superou entre 1991 e 2004 ao da poboación (11%). Aínda así está a darse un conflito institucional entre os concellos que promoven novas urbanizacións e os organismos reguladores das concas fluviais que emiten informes negativos pola falta de recursos hídricos. Cara ao futuro de prolongarse as tendencias actuais no ano 2021 o consumo podería chegar aos 10 millóns de metros cúbicos diarios cun aumento do 50% sobre 1991. A adopción dunha nova cultura da auga podería facer caer o consumo até 6 millóns de metros cúbicos por día cunha diminución do 10% en 2021 con respecto a 1991.

Entre 1991 e 2004 o consumo de materiais para a construción aumentou un 141% e a xeración de residuos un 48%. De seguir esta tendencia o consumo de materiais en 2021 podería chegar a 292 millóns de toneladas (aumento do 152%) e o de residuos a 46 millóns de toneladas (aumento do 55%). A porcentaxe de reciclaxe de materiais na construción (5%) é moito máis baixa que na UE (28%). De pórse en práctica novas técnicas de reutilización de materiais e de mellora na xestión de residuos poderían conseguirse notábeis aforros quedando a utilización de materiais e de residuos en 2021 por debaixo das cifras de 1991.

O aumento na utilización de recursos escasos como a terra, a enerxía, a auga e os materiais, así como o rápido incremento da produción de residuos pon de manifesto a urxencia de cambiar o modelo económico para o adaptar a un territorio limitado. O boom económico baseado na construción non atendeu as necesidade de vivenda digna das clases traballadoras urbanas nin da mocidade a cambio dunha destrución de recursos sen comparanza con calquera outro período histórico.

(1)Luis Álvarez-Ude Cotera,, Fernando Prats Palazuelo, Manual Macías Miranda. Publicado en La Situación del Mundo 2007. Nuestro Futuro Urbano. The Worldwatch Institute, Icaria Editorial.
(2) Datos de Eurostat.
(3)Quilotoneladas equivalentes de petróleo.


Anterior: O impacto da edificación na economía e no medio natural. (I)

 

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.