topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454485

Alternativas visuais

js_element_orange
As televisións portuguesas na Galiza para que? PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 27 de Decembro do 2007

Ângelo Gonçalves

Ângelo Gonçalves

O pasado día 12 de decembro, en sesión de preguntas ao Goberno do Estado español, o deputado do BNG, Francisco Rodríguez, interpelaba ao presidente Zapatero en relación á posibilidade de seren recibidas na Galiza as televisións portuguesas, obtendo como resposta a disposición do Goberno español a considerar o asunto, en caso de a Xunta facer un pedido nese sentido. A interpelación do parlamentar nacionalista no Congreso respondía a un apelo lanzado días antes pola Fundación Via Galego que, por súa vez, viña recollendo unha demanda de parte da sociedade galega que xa ecoaba desde anos antes, e que se tiña concretizado, por exemplo, na Plataforma para a Recepción das Televisións e Radios Portuguesas na Galiza.

Ora ben, que interese poderá ter para o noso país a recepción das televisións de Portugal?

O primeiro será aseverar que, no mínimo, non fará mal a ninguén; o que non quixer sempre poderá deixar de as ver e mesmo nin as sintonizar. Sirva isto, pois, para despreocupar o líder da oposición española, Mariano Rajoy, digno representante dos intereses galegos en Madrid, que no contexto da sesión parlamentar referida, e inmediatamente despois do debate entre Rodríguez e Zapatero, lembraba ao presidente español que a súa prioridade debería ser a garantía da cidadanía galega a recibir un ensino en castelán, que xa se sabe que é a lingua propia da Galiza e aquela para a que as institucións nacionais, estatais e internacionais demandan constantemente maior atención e coidado.

A galega e a portuguesa son dúas variantes dun mesmo idioma, internacionalmente coñecido como portugués, mais que igualmente lexítimo, e probabelmente máis pedagóxico na Galiza, será designar como galego-portugués. Certo é que precisamente a variante falada en Portugal é, de todas as faladas en catro continentes, a máis difícil para ouvidos galegos; mais mesmo isto non ten impedido que o empresariado galego teña enfatizado nos últimos anos a importancia da facilidade comunicativa coas persoas do Alén-Miño como un dos principais factores a ter en conta á hora de internacionalizaren os seus negocios en territorio luso.

Sendo dúas variantes do mesmo idioma, e tendo padecido a nosa unha perseguizón sistemática de séculos que levou a que perdésemos moito vocabulario e a que padecésemos unha influencia extraordinaria do castelán, a recepción de televisións portuguesas sempre pode axudar a termos agora un contrapeso, unha outra influencia que, por vir do noso propio sistema lingüístico, contribuirá para a depuración de castelanismos do noso galego espontáneo. Por exemplo, ao lado do castelanismo "por suposto", a cidadanía galega ficaría a coñecer ao equivalente, este si lexitimamente galego, e utilizado constantemente nas televisións portuguesas, "con certeza".

A ligazón entre a Galiza e Portugal está a experimentar unha intensificación notábel nos últimos tempos, nomeadamente nos ámbitos económico e de lecer. Nótese que Portugal é un dos principais destinos e orixes das nosas exportacións e importacións, respectivamente, ou que, como noticiaba o xornal galego de maior tiraxe hai uns meses, o 80% dos visitantes do norte de Portugal procedentes do Estado español, son da Galiza, ou, aínda, que hai un importantísimo continxente de persoas galegas a traballar por todo o Estado veciño. Neste contexto, parece lóxico que ás persoas galegas lles interese, por exemplo, saber que acontece coa lei do tabaco en Portugal, para cando a autoestrada que conecta pola costa Caminha e o Porto deixará de ser gratuíta, como evolúen os prezos da roupa e doutros bens, cando haberá un paro na recolla do lixo en Braga, etc.

É evidente que estas e outras moitas cuestións poderían e deberían estar a ser cubertas pola TVG, mais non é así e, mesmo que así for, sempre ficarán máis tratadas polas televisións propias do país veciño. Non parece demasiado lóxico que a cidadanía galega poida saber facilmente, a través das televisións galega ou españolas, o que está a acontecer en Almería, a onde a maior parte das persoas da Galiza non viaxarán nas súas vidas, e non saiban absolutamente nada do que ocorre en Valença ou Vila Nova de Cerveira, a onde moitas irán unha vez por semana, como pouco.

Outra vantaxe de interese constitúe o aumento da oferta televisiva de que disporiamos na Galiza coa recepción das televisións portuguesas. Ultrapasada a inevitábel dificultade inicial co acento ou sotaque portugués (cousa de semanas) teriamos máis series, documentarios, filmes, etc., entre os que escoller, podendo deste modo atinxirmos un máis completo aproveitamento do noso tempo de descanso, e poderiamos acceder a outros telexornais cos que contrastarmos determinadas informacións que sospeitemos que os medios do Aquén-Miño poidan non estar a tratar con saudábel distancia crítica.

Por último, acrecéntese que o Estado español ten a obriga legal, contraída voluntariamente ao ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de adoptar as medidas que foren precisas para que na Galiza se reciban as televisións portuguesas, tal como estabelece a tal norma comunitaria no seu artigo 11.2. Un precepto co que xa no 2001 cumprían países que tamén ratificaron a Carta, como a Finlandia, onde a populación de fala sueca recibe as televisións da veciña Suecia.

O Goberno español xa mostrou a súa disponibilidade para avanzar. O Goberno e outras institucións portuguesas tamén. Agora é turno da Xunta.


 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.