topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3665439

Alternativas visuais

js_element_orange
MUROS PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 27 de Outubro do 2005

ImageMUROS

Moncho Fernández Leal

Na Unión Europea, onde mandan máis as multinacionais ca os gobernos, os capitais e as mercancías teñen unha liberdade que millóns de persoas non teñen. Estes días visualizamos en terríbeis imaxes o que está a acontecer no continente africano. África, con fronteiras rectilíneas trazadas en mesas imperiais, ten á poboación condenada a desaparecer nunha importante proporción.

O goberno español, coa supervisión de uniformados e uniformes técnicos da Unión Europea, está a ser dilixente á hora de subir, aumentar e perfeccionar o valado que separa a fame do consumismo. Está incumprindo o artigo 3 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que prohibe que unha persoa detida sexa entregada sen condicións a un país no que pode sufrir maltrato. Non existe a mesma disposición a abordar o problema de xeito estructural.

As voces públicas que falan de ética ou de urticaria cando se refiren ao Estatut catalán, calan diante da represión aos inmigrantes. Teñen alerxia ao diferente. Relacionan solidariedade, outra palabra que nos roubaron, cun concepto de España que asinaría, brazo en alto, o tripartito formado por Calvo Sotelo, Franco e José Antonio.

Cando caíu o muro de Berlín a propaganda falaba de liberdade. Vendíanse, comprábanse, anacos de tixolo de lembranza. Pero os muros de Ceuta, Melilla, Xibraltar, México, Palestina,...preséntanos coma de seguridade. Falan de invasión, cando os mesmos avións que van buscar diamantes a África, levan as armas que fornecen as guerras entre pobos irmáns.

Narra Ignacio Ramonet que nos anos 40 e 50 había tamén pateras no estreito de Xibraltar. Era a xente andaluza, que cubría, clandestinamente e fuxindo da miseria, o traxecto ata Tánger, que tiña administración internacional e riqueza. A amnesia impide lembrar o pasado, ver a realidade, topar o camiño do futuro.

 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.