topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454107

Alternativas visuais

js_element_orange
Sobre a inviabilidade a longo prazo do sistema económico PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 31 de Xaneiro do 2008

Xabier Pérez Davila

Xabier Pérez Davila 

  • Fáltannos case 2 millóns de quilómetros cadrados 

O Ministerio de Medio Ambiente publicou en xullo a "Análise preliminar da pegada ecolóxica en España". A pegada ecolóxica permite medir o impacto da actividade económica dun grupo humano sobre a contorna natural e a sustentabilidade desa actividade no tempo. A pegada ecolóxica estima a superficie en hectáreas necesaria para satisfacer os consumos asociados á alimentación, aos produtos forestais, ao gasto enerxético e á ocupación directa do terreo. 

A pegada ecolóxica por habitante foi no ano 2005 de 6,4 hectáreas de media. Esta é a superficie necesaria para 6 tipos de superficies produtivas: cultivos, pastos, bosques, mar produtivo, superficie cuberta por edificacións e infraestruturas e a área de absorción do CO2 emitido na produción de enerxía. Entre 1995 e 2005 este indicador, no Estado español, aumentou un 19%, desde 5,4 ás 6,4 hectáreas citadas. Mais o territorio non se dilatou sequera unha soa hectárea. Máis atrás, en 1995, a pegada ecolóxica por habitante era de só 2,2 hectáreas.

Para sabermos se o noso modelo de produción e consumo é viábel a longo prazo debemos comparar a pegada ecolóxica coa biocapacidade do territorio, a dispoñibilidade de superficie bioloxicamente produtiva. A biocapacidade dun territorio non é estática, aumenta, por exemplo, se a plantación de árbores permite absorber máis CO2 . No ano 2005 dispuñamos dunha biocapacidade de 2,6 hectáreas por persoa, polo que o déficit ecolóxico per cápita era de 3,8 hectáreas. Como podemos manter este déficit? Ou importando materias primas minerais (petróleo, metais...) e biolóxicas (carne, peixe, cereais...) doutros territorios ou emitindo máis contaminantes (por exemplo gases de efecto invernadoiro) dos que a atmosfera pode degradar. Estamos a utilizar os dous mecanismos. O déficit ecolóxico español acadou en 2005 175 millóns de hectáreas, 1,75 millóns de quilómetros cadrados. Cómpre a superficie de case 3 estados españois para termar do noso modelo económico.

O estudo presenta os datos de pegada ecolóxica, biocapacidade e déficit por comunidades autónomas. Só 4 comunidades, moi extensas e pouco habitadas, presentan un superávit ecolóxico, dispoñen de máis hectáreas de biocapacidade das que necesitan: Aragón, Estremadura e as dúas Castelas. As comunidades con maior déficit (máis de 4,1 hectáreas) son as de máis desenvolvidas economicamente e as máis densamente poboadas: Euskadi, Cataluña, País Valenciá, Murcia e Madrid. Galiza, nunha posición intermedia, presenta un déficit por habitante de 2,5 hectáreas.

As economías desenvolvidas, como a galega e a española, viven de apropiarse da biocapacidade de territorios afastados. A descolonización iniciou un proceso que está a permitir aos pobos asiáticos, americanos e africanos desenvolver as súas economías que demandan recursos e producen contaminación. O aumento da demanda de petróleo, cereais e metais maniféstase en forma de aumento dos prezos e revela unha verdade máis profunda, a existencia de límites físicos que impiden un aumento indefinido da poboación e a produción e o consumo per cápita na Terra.

E esa constatación debe converterse nun dos grandes temas de debate político, económico e electoral.

 

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.