- A CPTOPT prevé que as obras comezarán este mesmo ano nos treitos I (Tui-Tomiño) e III (Goián-A Guarda)
- Onte aprobouse o decreto de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos necesarios para construír o primeiro treito, entre Tui e Tomiño, que ten un orzamento de 30,5 millóns de euros
O Consello da Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción da Vía de alta capacidade Tui-A Guarda no seu primeiro treito, entre Tui (desde o enlace coa A-55) e Tomiño (até o enlace coa PO-350).
Con este decreto iníciase o proceso expropiador da nova infraestrutura, que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes mellorou con respecto ao previsto polo anterior goberno para facilitar a súa conversión futura en autovía, minorar o impacto ambiental e social do seu segundo treito entre Tomiño e Goián e incluír a variante da Guarda. O custo estimado do primeiro treito entre Tui e Tomiño é de 30,5 millóns de euros, dos cales preto de 3 millóns van destinados ao pagamento das expropiacións dos 565 predios necesarios para construílo. O investimento total de todo o corredor será duns 120 millóns de euros, incluída a variante da Guarda. Este treito I, entre Tui e Tomiño, ten unha lonxitude total de 3,9 quilómetros e inclúe a remodelación do actual nó de enlace coa A-55. Contará con dous carrís, un en cada sentido, de 3,5 metros de ancho e dúas beiravías de 2,5 metros. Ademais, os seus primeiros 1.100 metros xa terán características de autovía, con dous carrís en cada sentido de 3,5 metros e mediana de 2 metros. Preparada para a súa conversión en autovía O inicio do proceso expropiador para a construción da vía de ata capacidade autorízase logo de que a CPTOPT aprobase, a finais do pasado ano, os proxectos de trazado dos treitos I (Tui-Tomiño) e III (Goián-A Guarda) tras seren reformulados para que tivesen características de corredor, o que permitirá converter esta vía en autovía no momento en que a intensidade do tráfico que rexistre así o exixa. Deste xeito, no novo proxecto quedarán deseñados como definitivos os enlaces, as estruturas de paso superior e algunhas de paso inferior, os desmontes e algúns terrapléns e falsos túneles que se manterán cando se acometa o desdobramento. O treito Goián-A Guarda nas vindeiras semanas Tras a declaración de utilidade pública deste treito I (Tui-Tomiño), o Consello da Xunta aprobará nas vindeiras semanas un decreto similar para o treito III (Goián-A Guarda), co que as obras comezarán nestes dous tramos este mesmo ano. Ademais, tamén este ano se someterán a información pública e se aprobará a declaración de utilidade dos novos treitos II (Tomiño-Goián, cuxa modificación de trazado se está a estudar para ter en conta os asentamentos urbanos existentes e as súas conexións, a topografía e os respecto ambiental) e IV (variante da Guarda, non prevista no anterior proxecto). A futura vía de alta capacidade de nova construción Tui-A Guarda mellorará a mobilidade e seguridade viaria do Baixo Miño, facilitando as conexións dos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño con Tui e, desde alí, a través da A-55, con Vigo e o resto da rede viaria galega. Este corredor suporá un importante avance nos tempos de conexión e na seguridade viaria fronte á vella estrada PO-552, que ten que atravesar numerosas vías urbanas. |