- A Consellaría de Innovación e Industria alertou dos prexuízos que a desaparición da “tarifa nocturna” ocasionaría en Galiza nos consellos consultivos da electricidade previos á aprobación da modificación de tarifas
- O conselleiro nacionalista cifrou a cifra de afectados en case 180.000, o que supón aproximadamente o 18% de todo o Estado e reflicte, a xuízo do titular nacionalista, a existencia dun comportamento de consumo diferencial no noso país
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, expuxo no Parlamento as actuacións que o seu departamento está a desenvolver en relación coa eliminación por parte do Goberno central da tarifa 2.0 con discriminación horaria nocturna, a denominada “tarifa nocturna”, que desaparece a partir do 1 de xullo de 2008 consonte ao Real Decreto 871/2007 e á Orde ITC/3860/2007. A desaparición desta modalidade tarifaria, segundo explicou o titular nacionalista, afecta en Galiza a preto de 180.000 fogares que supoñen o 18% do total de consumidores afectados en todo o territorio do Estado e reflicten a existencia dun patrón de consumo diferencial no noso país.
O conselleiro de Innovación e Industria explicou que o seu departamento realizou e está a realizar unha defensa do que entende son os intereses de todos os galegos e galegas no ámbito das súas competencias. O futuro marco tarifario que se desenvolverá no contexto de desaparición de tarifas eléctricas e que unicamente permitirá fixar máximos no caso das tarifas de último recurso, non pode ignorar, a xuízo de Fernando Blanco, a situación xerada pola eliminación da tarifa nocturna e o elevado custe económico que suporá para os usuarios galegos. Así o puxo de manifesto a Consellaría de Innovación e Industria nos consellos consultivos da electricidade celebrados antes da aprobación dos mencionados textos normativos. En concreto, o departamento de Fernando Blanco censurou a carencia dun informe económico xustificativo das medidas, o recoñecemento dun déficit tarifario de 750 millóns de euros, o feito de que as tarifas de baixa tensión sufrisen subas xerais e inxustificadas, e avogou polo mantemento da tarifa eléctrica nocturna considerando o patrón de consumo existente en Galiza. Con posterioridade á publicación da orde ministerial que ratifica a eliminación da tarifa nocturna, o 21 de xaneiro pasado o titular de Innovación remitiu unha comunicación ao ministro de Industria na que lle solicita a reconsideración do cambio tarifario. Segundo expuxo o conselleiro a Joan Clos, os fogares afectados en Galiza non poden verse nunha situación que os prexudica sen que se dea ningún tipo de alternativas polo Goberno do Estado, máxime cando foi, xunto coas compañías distribuidoras, o promotor dos cambios nos patróns de consumo. Ademais, a Consellaría fixo constar que a ausencia de medidas correctoras como a creación de liñas de axuda aos usuarios ou o estudo dun reparto de cargas que incluíse ás compañías eléctricas agravaría os efectos da supresión tarifaria. Transparencia informativa Por outra banda, o titular de Innovación e Industria manifestoulle ao Goberno central a preocupación polo feito de adoptarse esta medida de forma unilateral e pouco transparente de cara aos usuarios. Até o momento, segundo explicou Fernando Blanco, o Estado non dispuxo de ningún mecanismo para informar aos consumidores galegos dos trocos introducidos nin para asesorar sobre o xeito de adaptarse aos mesmos. O conselleiro nacionalista recordou que dende o seu departamento se tomou a iniciativa de editar unha publicación na que se informa das características actuais e futuras das tarifas, dos seus inconvenientes e incidencia económica así como das melloras técnicas precisas nas instalacións, ademais de achegar recomendacións para reducir o impacto das novas tarifas e analizar economicamente a afección na factura eléctrica dos fogares. Segundo informou o conselleiro, a Consellaría fixo unha distribución de 19.000 folletos en 35 asociacións de consumidores, 60 OMIC, concellos das cidades, e FEGAMP, entre outros. O conselleiro de Innovación e Industria fixo tamén referencia as últimas medidas anunciadas polo Ministerio de Industria para paliar o impacto do cambio tarifario, en concreto, a obriga de que as distribuidoras non cobren os dereitos de acceso asociados á contratación de nova potencia e mais un estudo para decidir se se rebaixa a penalización do 35% que tería o custo da tarifa en horas punta. A falta de concretar os termos exactos en que isto se produciría, Fernando Blanco afirmou que as devanditas medidas non resolven o fondo dos problemas formulados e só están dirixidas a custos accesorios xerados polo cambio normativo. Ante esta situación lesiva para os consumidores e consumidoras de Galiza e actuando na defensa dos seus intereses, o titular de Innovación recordou que o seu departamento mantén a demanda da permanencia da tarifa 2.0 con discriminación nocturna ou similar, o reparto de cargas dos cambios técnicos necesarios a realizar nos equipamentos das vivendas, así como a posta en marcha de campañas divulgativas para orientar aos usuarios na procura da mellor alternativa. Novas relacionadas coa supresión da tarifa nocturna en InfoRosal.com
|