Aparecidos no PSF Gustavo Luca Algún neto de Carlos Marx corre aínda polo faiado do Partido Socialista francés o que causa unha escandaleira monumental. Que alguén asome a cabeza por entre os papeis da Sección Francesa da Internacional Obreira (SFIO) despois de tantos anos de desratización, dende León Blum a François Mitterand, considérase unha desgracia. Tamén pode entenderse como heroismo.
Todo isto ven a conta do referendo da UE ou da catástrofe de abril, como a chaman no PSF, e non sen razón porque a parte principal da parroquia social-democrata desprezou a merendiña de François Hollande e foi buscar un viño algo máis tinto na beira esquerda, ou sexa o non, que pouca cortesía. Pasada a indignación e a sorpresa ven a hora do axuste de contas. A poderosa prensa de dereitas de Franza reacciona como se estivese rodeada por vinte divisións do Pacto de Varsovia. Os insultos son feroces. Van onde a tumba de Jules Guesde con unha formigoneira e bótanlle tres capas con mallazo para inmobilizalo non vaia ser que abra a boca, meu santo. E aos vivos non os tratan mellor. José Bové, por exemplo, é un idiota útil, un coengo careco, monumento da imbecilidade e espello de moitos cegos que ainda cren que se pode cambiar o sistema. A ferocidade dalgúns argumentos transpórtannos á prensa de Vichy coa diferencia de que non se trata de editoriais da ultradiretia conxurando o perigo marxista senón de altares que lle montan os editorialistas a Michel Rocard ou a Bernard Kouchner, social-democratas contrariadísimos pola aparición do voto non. Leron ben: Rocard e Kouchner que estiveran nas barricadas do 68 e que agora lanzan nunha guerra sen cuartel contra o a esquerda arcaica e a prol da orde estabecida, a economia de mercado e a globlización. Véselles un coidado grande por non chamala pantasma para non facer realidade o aviso marxista de que a historia regresa coma caricatura. De todas maneiras é imposible ler os editoriais encendidos da xente de boa reputación sen que non apareza a vella saba fluorescente, ou sexa a da pantasma da esquerda rampante sobre os campos da Franza coa pequena variante de que os argumentos veñen da vangarda social-democrata renovada. Sarkozy, por exemplo, que asegura que o librecambismo é o xeito máis fermoso de criar riqueza. (ANT 1.189) |