topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3453812

Alternativas visuais

js_element_orange
Traballadores sen dereitos PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 05 de Marzo do 2008

Xabier Pérez DavilaXabier P. Davila 

Millóns de traballadores no Estado español non poden exercer os dereitos que lles recoñece a Constitución española. O profesor Daniel Lacalle (1) analiza a súa situación e cita os dereitos conculcados: o de libre sindicación e o de folga (art. 28 da CE), o dereito á negociación colectiva (art. 37.1), o dereito a unha vivenda digna (art. 47) ...

A precariedade laboral impide que os dereitos formais, inseridos nos textos legais, se convertan en dereitos reais, dereitos dos que se pode gozar efectivamente. Dicir precariedade quere dicir contratos temporais, paro, sinistralidade laboral e dificultades para a emancipación da mocidade pola dificultade para acceder a unha vivenda. Precariedade, na súa manifestación máis aguda, quere dicir traballar sen contrato e sen alta na Seguridade Social.

A economía mergullada, a que se escapa dos controis de Facenda e da Seguridade Social, supón no Estado español entre un 20 e un 23% do PIB e unha porcentaxe semellante da Poboación Activa. Nesta economía soterrada os traballadores carecen de contrato e, ao non cotizaren, non xeran o dereito a percibir prestacións do sistema de Seguridade Social (paro, baixas por enfermidade, cotizacións para a pensión de xubilación...). Moitos persoas asalariadas están contratadas por menos horas das que realmente fan e a empresa non declara nin cotiza pola totalidade das horas traballadas. Mulleres, inmigrantes sen regularizar, mozas e mozos, pre-xubilados e parados de máis de 45 anos son os grupos máis afectados.

Case a metade dos asalariados carecen da protección dun convenio colectivo e cando este existe incúmprese acotío de non existir no sector ou empresa unha forte organización e vixilancia sindical. A xornada traballada é unha das máis altas da UE-15 e fanse moitos máis horas extras das legalmente permitidas (80 ao ano como máximo, unha 2 por semana) que en moitos casos non se retribúen e non se declaran case nunca.

O artigo 40.1 da CE obriga aos poderes públicos promoveren "unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa...". As sucesivas reformas laborais, a externalización de funcións produtivas , a ameaza de deslocalizacións que utilizan as empresas permítelles "unha explotación extrema da forza de traballo". Como resultado a distribución da renda faise a cada máis desigual. Nesta mesma semana o economista Ángel Laborda (2) escribe "...nos últimos 15 anos vense producindo un cambio progresivo e constante na distribución funcional da renda, na que as rendas do traballo van perdendo parte do pastel a prol das rendas do capital e das rendas mixtas..." e sabiamos tamén que os executivos das empresas do IBEX-35 cobran de media 891.000 euros, 46 veces máis que o salario medio no Estado español. A evolución da recadación fiscal, cada vez máis baseada nos impostos indirectos, que pagamos todos por igual, e cun menor peso dos directos, non mellora o reparto da renda.

Modificar esta situación esixe empezar por dar a batalla da linguaxe, por politizar a economía, por recuperar palabras ausentes no discurso dominante: clase, explotación, plusvalía. Pode comprenderse a sociedade na que vivimos sen usalas?

(1) Derechos formales y derechos reales de los trabajadores en la España de cominezos del siglo XXI, revista Mentras Tanto, nº 103

(2) La macro de 2007, Ángel Laborda, El País 24 de febreiro de 2008. Ángel Laborda é director de coxuntura da Fundación de las Cajas de Ahorro.

 
< Ant.

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.