|
Ângelo Gonçalves Vicente
Se partimos dunha definición laxa de lusismo, segundo a que lusistas serían aquelas persoas que asumen que galego e portugués non son máis do que dúas variantes dun mesmo idioma e que, por consecuencia, o natural é que as persoas galegas utilicen a súa lingua propia, a única lingua propia da Galiza, ao se relacionaren con suxeitos orixinarios doutros territorios de fala galego-portuguesa, necesariamente, e mesmo con algunha sorpresa, haberemos de colixir que, efectivamente, o líder do Partido Popular, Mariano Rajoy, mostra algun grao de lusismo, que até chega a ser de extraordinaria importancia levando en conta o relevo da súa figura e o contexto electoral e público en que se produciu a tal manifestación.
Acontece que o líder galego, facendo explícita presunción da súa galeguidade e presupondo nesta identidade unha proximidade especial a Portugal, o que sendo obvio para toda a xente coñecedora da historia da Galiza e o país irmán non deixa de causar algún asombro nun dos grandes defensores da unidade e uniformidade nacional española desde o reino visigótico (e isto si supón un flagrante descoñecemento da historia do noso país e da España), utilizaba a lingua da Galiza para se comunicar cunha xornalista portuguesa da TVI, Televisão Independente, inmediatamente despois do frente a frente mantido con Zapatero. Haberá quen pense, e con toda a razón, que foi un mero detalle simbólico, que non terá maior transcendencia na liña política impulsionada desde o PP español e galego, especialmente minusvalorizadora e desconsiderada coa nosa lingua nos últimos tempos. Mais convén avisar a Rajoy de que o seu recoñecemento fáctico da unidade lingüística galego-portuguesa, en cuxa defensa tanto nos empeñamos algúns, por considerármola un elemento de grande potencial prestixiador do galego e da Galiza e por lle vermos grande interese na necesaria internacionalización do noso país e mesmo na proxección externa da España, envolve necesariamente a asunción de a lingua galega ser unha das máis importantes e útiles do mundo. Desde este punto de vista, saber galego constitúe un privilexio á altura do coñecemento do inglés ou do castelán e, conseguintemente, o PP xa non debería estar a defender o bilingüísmo español/inglés nas institucións educativas de todo o Estado, senón o trilingüísmo galego/español/inglés, pondo, se couber, maior énfase nas dúas linguas internacionais do Estado. E a defensa da sobrevivencia do galego na Galiza por parte do partido conservador debería ser tremendamente enfática, por o seu eventual desaparecemento vir a supor unha perda inefábel mesmo dunha perspectiva pragmática, de utilidade comunicativa, para a Galiza e para a España. Calquera outra opción será lexítima, mais tamén incoherente. |