|
O goberno municipal de Tomiño celebrará unha serie de reunións informativas nas diferentes parroquias da localidade, co fin de proceder á revisión do actual inventario de camiños municipais.
O anterior goberno aprobou no ano 2005 un inventario de camiños que contén numerosos erros e incorreccións, que están a producir moitos problemas para a concesión de licenzas, cuestión pola que o goberno actual ven de abrir un proceso de revisión coa finalidade de subsanar os mencionados errores e promover unha maior participación cidadá e transparencia no proceso. En primeiro lugar, se celebrarán reunións informativas nas parroquias, quedando exposto durante 15 días o actual inventario co fin de que os veciños/as fagan as alegacións que consideren oportunas. Ademais, un técnico recollerá ditas alegacións que se incorporarán logo ao inventario. Este inventario, coas correccións será exposto novamente para comprobar que é correcto, antes da súa aprobación. A medida, permitirá corrixir erros e omisións na representación dos camiños da vila, aínda que non vai supoñer que se abran novas vías. As primeiras tres reunións tiveron lugar onte luns, 10 de marzo, nas parroquias de Forcadela (local terreiro da festa, ás 19:30 horas); Amorín (centro veciñal, ás 20:30 horas), e Currás (centro cultural, ás 21:30 horas). Hoxe martes 11, as reunións serán en Vilameán (centro cultural Perpetuo Socorro, ás 19:30 horas); Tebra. San Salvador (antiga escola, ás 20:30 horas), e Tebra. Santa María (centro cultural Santa Mª de Tebra, ás 21:30 horas). O mércores 12, será en Pinzás (centro cultural, ás 19:30 horas); Barrantes (baixo do pavillón, ás 20:30 horas), e Tomiño (casa da cultura, ás 21:30 horas). O xoves 13, a reunión levarase a cabo en Taborda (local terreiro festa en Pazo, ás 19:30 horas); Piñeiro (centro cultural, ás 20:30 horas), e Sobrada (pavillón de Sobrada, ás 21:30 horas). Por último, o venres 14, pecharase o ciclo de reunións en Estás (centro cultural, ás 19:30 horas); Figueiró (centro cultural, ás 20:30 horas), e Goián (Centro Goianés, ás 21:30 horas). |