|
O pasado martes, 11 de marzo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía a publicación da orde do 5 de marzo de 2008, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de infraestruturas deportivas de titularidade pública ou privada e para a adquisición de equipamentos deportivos no ano 2008.
Poderán ser beneficiarios das axudas, promovidas pola Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte: os concellos; as entidades deportivas (clubs e federacións deportivas galegas); e as asociacións vinculadas a centros específicos de educación especial ou centros docentes homologados, que desenvolvan actividades formativas con alumnos con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais. Mediante as axudas económicas, que teñen un orzamento total de 2.180.059 euros para o ano 2008 (1.360.291 de euros destinados aos Concellos e 819.768 ás entidades deportivas), a Dirección Xeral volve a mostrar o compromiso deste goberno co Deporte Galego dende a súa chegada á Xunta de Galicia. Desde a Dirección Xeral para o Deporte tamén se informa que o importe máximo susceptible de ser subvencionable en cada actuación, relativa a obras, poderá acadar ata o do 80% do investimento total estimado polo solicitante, mentres que para a adquisición de equipamento deportivo o importe máximo subvencionable non poderá exceder do 70% do investimento total. No caso de que se trate dunha obra plurianual a Dirección Xeral para o Deporte poderá comprometerse a subvencionar fases de execución futuras, polo que tamén hai reservado un orzamento para os anos 2009 e 2010. En total, investiranse máis de 6 millóns de euros. Prazo e presentación de solicitudes As solicitudes formalizaranse no impreso oficial e deberá presentarse unha solicitude para cada concreta actuación que se pretenda realizar, cun máximo de tres solicitudes por cada posible beneficiario. As solicitudes dirixiranse ás Delegacións Provinciais da Consellería de Cultura e Deporte. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, polo que cabe recordar que a data límite para a presentación das solicitudes é o próximo 11 de abril. Descarga a Convocatoria no D.O.G. |