|
O Consello da Xunta autoriza as expropiacións dos terreos necesarios para construír este novo tramo de 10 quilómetros de lonxitude no que se mellora a conexión coa ponte internacional de Goián A declaración de utilidade pública destes dous treitos permitirá que as obras desta infraestrutura comecen este mesmo ano. O resto da infraestrutura tamén se someterá a información pública e se aprobará a súa declaración de utilidade ao longo deste ano. O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda no seu terceiro treito, entre Goián e A Guarda, ao longo de 10 quilómetros de lonxitude. Este decreto súmase ao xa aprobado o mes pasado para iniciar as expropiacións no primeiro treito, entre Tui e Tomiño. Deste xeito, xa están en marcha os procesos expropiadores de dous treitos (o primeiro e o terceiro) desta nova infraestrutura, que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes mellorou con respecto ao previsto polo anterior Goberno para facilitar a súa conversión futura en autovía, minorar o impacto ambiental e social do seu segundo treito entre Tomiño e Goián e incluír a variante da Guarda. Toda a nova vía entre Tui e a Guarda, incluída a variante, suporá un investimento duns 120 millóns de euros.
O custo estimado do treito autorizado hoxe entre Goián e A Guarda é de 64,4 millóns de euros, dos cales 4,6 millóns van destinados ao pagamento das expropiacións dos 1.326 predios necesarios para realizar a obra nos termos municipais de Tomiño, O Rosal e A Guarda. Este treito III, entre Goián e A Guarda, ten unha lonxitude total de 10,013 quilómetros e contará con dous carrís, un en cada sentido, de 3,5 metros de largo e dúas beiravías de 2,5 metros. No seu percorrido contará con 7 pasos superiores e 4 pasos inferiores, así como cun viaduto sobre o río Tamuxe e cun falso túnel no Rosal. Ademais, o proxecto elaborado pola CPTOPT mellora a conexión entre a vía de alta capacidade e a ponte internacional de Goián que cruza o río Miño ata Vila Nova de Cerveira. O proceso expropiador para a construción da Vía de Alta Capacidade desenvólvese agora logo de que a CPTOPT aprobase, a finais do pasado ano, os proxectos de trazado dos treitos I (Tui-Tomiño) e III (Goián-A Guarda) tras seren reformulados para que tivesen características de corredor, o que permitirá converter esta vía en autovía no momento en que a intensidade do tráfico que rexistre así o exixa. Deste xeito, no novo proxecto quedarán deseñados como definitivos os enlaces, as estruturas de paso superior e algunhas de paso inferior, os desmontes e algúns terrapléns e falsos túneles que se manterán cando se acometa o desdobramento. A declaración de utilidade pública destes dous treitos (I Tui-Tomiño e III Goián-A Guarda) permitirá que as obras comecen neles este mesmo ano. Ademais, tamén este ano se someterán a información pública e se aprobará a declaración de utilidade dos novos treitos II (Tomiño-Goián, cuxa modificación de trazado se está a estudar para ter en conta os asentamentos urbanos existentes e as súas conexións, a topografía e os respecto ambiental) e IV (variante da Guarda, non prevista no anterior proxecto). A futura Vía de Alta Capacidade de nova construción Tui-A Guarda mellorará a mobilidade e seguridade viaria do Baixo Miño, facilitando as conexións dos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño con Tui e, desde alí, a través da A-55, con Vigo e o resto da rede viaria galega. Este corredor suporá un importante avance nos tempos de conexión e na seguridade viaria fronte á vella estrada PO-552, que ten que atravesar numerosas travesías urbanas. |