|
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, explicou no Parlamento algunhas das medidas postas en marcha no pasado ano en Galiza que contribuíron a crear un escenario favorable para o sector lácteo, “un conxunto de iniciativas que, dende logo, non tiveron paralelismo noutros ámbitos territoriais e competenciais e que estaban motivadas pola firme convicción do potencial do sector lácteo, por apostar pola mellora das rendas dos productores, pola aspiración a modificar o papel de Galiza no sector lácteo estatal e por ter a seguridade de que un sector estruturado e ordenado era un bo escenario para todos”, sinalou.
Entre estas iniciativas impulsadas pola Consellaría do Medio Rural, no seu ámbito competencial, xa que non se pode incidir directamente en prezos, figuran o funcionamento regularizado da Mesa do Leite e dos seus grupos de traballo cun foro estable de diálogo, o impulso da factura homologada, o Observatorio de Prezos do Sector Lácteo, a promoción do consumo de lácteos galegos e o inicio no foro do diálogo para darlle un horizonte de estabilidade e de estruturación a esa relación a través dun contrato homologado. Así, conseguiuse un cambio de tendencia de anos de conxelación de prezos e de referencias negativas respecto da media do prezo do Estado. Dende a Consellaría do Medio Rural considérase lexítimo que se aspire a consolidar o avanzado no 2007 no sector lácteo e que o ano 2008 sexa positivo en termos relativos en relación co anterior. Logrouse, ademais, posicionar a Galiza nos asuntos que se debaten a nivel estatal con resultados positivos nalgunhas ocasións, como o adianto dos pagos adicionais ou mesmo os cambios introducidos nas pretensións iniciais do Ministerio sobre o Plan Lácteo. Así, evidenciouse a fortaleza do sector lácteo galego e da súa vocación de permanencia. Entre os datos positivos, o conselleiro destacou o incremento dos prezos en orixe entre xaneiro e decembro no entorno de 50% pasando de entre 28-30 céntimos en xaneiro a entre 45-46 en decembro; e o incremento do prezo medio ao longo do ano respecto do 2006, superior ao 25% pasando dun entorno de 28-29 céntimos no 2006 a 36,57 céntimos no 2007. En varios meses do ano, o prezo do leite en Galiza superou o prezo medio do Estado, fronte a unha media no Estado de 36,41 céntimos de euro por litro, situouse en 36,53 en Galiza. "Cómpre lembrar que o último prezo que se lles pagou aos produtores antes da nosa chegada ao Goberno (o de xuño de 2005) tiña un diferencial á baixa en Galiza respecto do do Estado de -1,90 céntimos de euro, é dicir, máis de tres pesetas", explicou. Estruturación do sector "Somos conscientes dos logros acadados no ano pasado rompendo tendencias históricas, con aspiración de mantelos nalgunha medida, e nós tamén traballaremos nesa dirección, e como xa dixemos estamos seguros que o ano 2008 será bo en termos comparativos respecto do 2007, e significará un avance na estruturación do sector lácteo galego", destacou o conselleiro. Entre as previsións para este ano 2008 figuran a posibilidade de incrementar a base territorial das explotacións e mellorar as rendas mediante o Banco de Terras e a posta en marcha do Contrato de Explotación Sustentable, que abre a posibilidade de recibir axudas nas explotacións lácteas para impulsar a mellora das rendas en función de estimular un modelo menos dependente de insumos externos. "A nosa aspiración será que no ano 2008 se concrete un contrato homologado que lle dea estabilidade ás relacións entre produtores e transformadores e que saiban como será a evolución da campaña con anterioridade", explicou Suárez Canal. Reparto de cota Durante toda a campaña pasada e a anterior, a Consellería reclamou que se fixese o reparto da cota abandonada en tempo e forma, xa que iso permitiría incrementar a produción no Estado e limitaría en parte a entrada de leite de fóra, cousa que non aconteceu e previsiblemente nesta campaña acabarase cun déficit de produción no Estado superior ás 100.000 Tm., feito que provoca maior entrada de leite de fóra cunha tensión á baixa dos prezos en orixe, ademais de provocar retencións de abonos aos produtores que despois non se traduciran en supertaxa. Convén destacar que na pasada campaña 2006-2007, o Estado non cubriu a cota global asignada, e o mesmo é previsible que aconteza na actual campaña 2007-2008. Partindo desa situación global, hai un desaxuste cada vez maior entre a cota asignada e a produción real de Galiza, onde a produción supera a cota, cunha situación inversa no resto de CCAA. En consecuencia, resulta prioritario aprobar un Plan Lácteo estatal que contribúa a corrixir esa situación. A alternativa que defendemos para o reparto desa cota adicional dentro do Estado, explicou, é que esta se distribúa entre explotacións, utilizando criterios como os que a Consellaría do Medio Rural vén defendendo para os Plans Lácteos dos dous últimos anos, priorizando as explotacións de pequena e mediana dimensións, con vocación de permanencia e que, ademais do seu papel produtivo, contribúen á fixación de poboación no medio rural. A cota distribuída debe ser gratuíta, como foi sempre o reparto da reserva, xa que tendo en conta a pretensión da Comisión de pórlle fin ao réxime de cotas non ten sentido a venda entre particulares de cota e obrigar as explotacións a un investimento nun momento caracterizado pola incerteza no sector. De forma paralela, reiterou que o aumento da cota na UE non debería ser lineal, senón dirixirse a aqueles estados membros que teñen hoxe unha cota moi inferior ao consumo interno; e nos que ademais existen segmentos importantes de explotacións que necesitan máis cota para ser viábeis e que veñen mostrando vocación de permanencia e crecemento no sector. Concretamente, o acordo do incremento lineal do 2% nos estados membros fai que países como Holanda, que xa hoxe teñen unha cota e unha produción moi por encima do consumo interno, aumenten aínda máis ese diferencial. Mentres que outros estados, como o español, que rexistran a situación oposta cunha cota moi inferior ao consumo interno, non verán praticamente corrixida esa situación. "O Estado debería ser contrario a un incremento lineal de cota na UE e á eliminación da continxentación da produción por ter efectos moi negativos sobre os prezos", dixo, "e esa foi ademais a posición unánime do Parlamento galego". "E se existise algunha dúbida sobre a influencia dos prezos en orixe, o que acontece na actualidade xa é un argumento contundente en contra do incremento lineal e da eliminación das cotas; non é de recibo que estados que teñen un excedente e provocan anomalías e presión á baixa no prezo do leite no Estado español, poidan seguir incrementando a súa produción", explicou o conselleiro. Rematou a súa comparecencia cunha mensaxe de esperanza cara o futuro en base ás iniciativas que a Consellaría ten posto en marcha e o vigor que ten manifestado o sector lácteo en escenarios non moi favorables. Aspirando, ademais, a que a evolución do 2008 sexa positivo en termos relativos comparado co 2007. |