- A asociación reclama que se cumpra a lexislación lingüística e que a “única lingua propia” de Galiza sexa “oficial na realidade e non só no papel”
A Mesa pola Normalización Lingüística chama á sociedade galega a mobilizarse masivamente “Polo dereito a vivirmos en galego”, lema que encabezará a manifestación que a asociación en defensa da lingua convoca para o vindeiro 18 de maio en Santiago de Compostela.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, sinalou que os obxectivos fundamentais desta convocatoria son "lembrarlles aos poderes públicos que teñen obriga de cumprir e facer cumprir a lexislación en materia lingüística" e "demandar que o galego sexa lingua cooficial na realidade, e non só no papel", así como "recordar que o galego é o único idioma natural de Galiza, o que o Estatuto denomina lingua propia do país".
A manifestación, parte principal dos actos que a asociación prepara para o Día das Letras, sairá ás doce do mediodía da Alameda compostelá, e rematará na Praza da Quintana, lugar onde se lerá o manifesto, cuxa redacción definitiva se aprobará na Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, que se celebrará este sábado, 29 de xaneiro, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. A este manifesto poderanse unir tanto persoas a título particular como asociacións e colectivos. A convocatoria da Mesa está "aberta a toda a sociedade sen distinción, unha mobilización cidadá plural" e dirixiranse "ao conxunto do tecido asociativo, entre eles aos centros de ensino, asociacións de pais e nais, equipos de normalización lingüística" farán un "especial esforzo para convocar aos diferentes concellos do país". De nós depende que o galego teña futuro Carlos Callón, presidente da Mesa, salientou que, ao longo da historia da asociación, creada hai xa 22 anos e con máis de 3.300 socios, foron varias as mobilizacións convocadas coa defensa da lingua galega como bandeira. Para Callón, "o obxectivo do acto do vindeiro 18 de maio é superar as anteriores e que participe a inmensa maioría da sociedade, non só nas rúas de Compostela senón a través da adhesión ao manifesto". "De nós depende que o galego teña futuro", subliñou. Callón convidou "aos que falan de imposición lingüística" a que "tenten vivir 24 horas en galego, e así comprobarán que non hai ningún ámbito onde se garanta minimamente o seu uso". Así mesmo, acusou ao Partido Popular de "romper consensos existentes previamente" e recordou que "o PP sempre votou a favor de leis e proxectos a favor do galego cunha condición: que non se poñan en práctica". Callón demandou que se dea "un baño de realismo aos discursos sobre lingua e que de verdade se dea un proceso de normalización do galego". |