|
Marta Dacosta
Desde o extremo do antigo Imperio, chega a turista a Roma, desexando recrearse na contemplación das ruínas que testemuñan un pasado de esplendor, disposta a realizar unha viaxe cultural que a fará retroceder dous mil anos, case, abraiándose ante as dimensións colosais das obras realizadas polos sucesivos gobernantes da que un día fora unha aldea situada sobre un outeiro.
A turista tenta imaxinar as dimensións reais daquelas obras, e vai comprobando como as inundacións, os incendios ou os terremotos non foron os únicos responsábeis de que só unha pequena parte destes monumentos conserve un aspecto semellante do que tivo orixinariamente. A rapina, e non a dos pobos que tentaron invadir Roma, senón a dos propios gobernantes romanos, foi desmantelando os vellos edificios dos seus materiais de valor para ser utilizados unha e outra vez, na que foi unha das primeiras operacións de especulación urbanística a gran escala, unha especulación ao servizo da propaganda política. Cada novo emperador dedicaba unha parte da súa xestión á realización dun templo, un foro, un arco de triunfo. Para iso proxectaba unha nova ampliación do Imperio, enviaba o exército aos límites de Roma e desde alí iniciaba a invasión doutro pobo, o seu saqueo de riquezas e vidas humanas. O monstro alimentábase. Á volta, as enormes procesións triunfais facían ostentación da política expansionista realizada, e coas riquezas roubadas o emperador deixaba a súa marca na cidade, aínda que para iso tivese que demoler todo un outeiro, destruír un barrio completo expropiando aos seus habitantes, ou enterrar a obra realizada por outro emperador anterior. A turista visita cada recanto, todas as mostras dese pasado esplendoroso, que non deixa constancia da vida dos máis humildes. O mapa para visitar Roma vai dun a outro gran monumento, mais non lle recomenda á visitante que se achegue até o Museo Storico della Liberazione, un museo situado no mesmo edificio que entre 1943 e 1944 foi cárcere e centro de tortura de presos políticos empregado pola policía de seguridade tedesca, colaboradora das SS. É un lugar triste que deixa constancia dun pasado errado, tamén imperialista, o pasado dos perdedores. Mais un lugar que cómpre visitar para non esquecer nunca até que punto pode chegar a miseria da humanidade. De regreso, a turista quédase coas palabras de Tácito na súa monografía de Agrícola, con esa pasaxe recollida na exposición do Colosseo na que o historiador critica o afán imperialista romano que non se deu saciado nin no occidente, nin no oriente, e que edificou a súa grandeza no sometimento e na expoliación doutros pobos. Nas súas palabras: "Fixeron pasar baixo o falso nome do imperio roubar, torturar, rapinar: e cando tiñan feito un deserto, chamáronlle paz". |