topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3474375

Alternativas visuais

js_element_orange
A Semana do Libro e a Lectura levará a literatura infantil e xuvenil a Tui PDF Imprimir Correo-e
Venres, 28 de Marzo do 2008
A Semana do Libro e a Lectura expanderase este ano por dez vilas galegas, dúas máis que o ano pasado. Oleiros, Viveiro, Carballo, Monforte, Tui, Allariz, O Porriño, Moaña, Noia e Barbadás contarán con cadansúa semana de actividades dedicadas a promover a literatura infantil e xuvenil, dirixidas aos escolares, os profesores, os pais e nais e o público en xeral.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, deu a coñecer hoxe este programa organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte coa coordinación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a colaboración dos concellos. A primeira das Semanas abrirase este domingo 30 de marzo ás 12 horas en Oleiros, onde se desenvolverá ata o 5 de abril. Seguirán as Semanas de Viveiro (9 a 15 de abril), Carballo (20 a 26 de abril), Monforte (4 a 10 de maio), Tui (18 a 24 de maio), Allarzi (5 a 11 de outubro), Moaña (9 a 15 de novembro) e Noia (23 a 29 de novembro). As Semanas concluirán en Barbadás, onde se celebrarán do 18 ao 24 de xaneiro de 2009.

A Semana do Libro e a Lectura toma como referencia o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, polo que este ano terá como eixo temático o mar. Arredor deste tema desenvolveranse actividades participativas con carácter formativo e lúdico, e nas que os nenos e nenas de cada localidade xogarán un papel moi activo.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural destacou que "as Semanas enmárcanse no proxecto global de promover o libro e a lectura, cun conxunto amplo de medidas. Agardamos que máis de 50.000 persoas participen nas programacións nos diferentes concellos".

Luis Bará sinalou que a Consellaría vén de editar unha guía de libros galegos relacionados co mar para público infantil e xuvenil, no que aparecen agrupados segundo as idades ás que van dirixidos. Esta publicación está sendo distribuída entre as bibliotecas e centros escolares de Galiza.

Actividades con distintos destinatarios
As actividades da Semana do Libro e a Lectura inclúen obradoiros destinados ao alumando dos centros de educación primaria e secundaria, que abranguen aspectos moi diversos. Ofreceranse obradoiros de creación literaria e animación á lectura a cargo de Sabela Gago, Lucía Fernández e Antón Cortizas; de poesía creativa con Olga Patiño, Antía Otero e OQO; de ilustración con Xaquín Marín, Ana Pillado e Marisa Irimia; de banda deseñada con Kiko da Silva e José Tomás; de música con Antón Castro; de danza con Mercedes Prieto; de expresión teatral e monicreques con Jorge Castro, Títeres Cascanueces e Galitoon; de plastilina e globoflexia con Cristina Doporto e Ester Mourenza; de ambiente con Terranova; e de hiphop con Serxio Regos "García". Tamén haberá sesións de contacontos con Fátima Fernández, Celso F. Sanmartín, Charo Pita, Berrobambán e Trinke Trinke. Todas as actividades para o alumnado realizaranse pola semana en horario escolar.

Outra parte do programa está dirixida ao profesorado, co obxectivo de proporcionar estratexias para fomentar entre os seus alumnos o gusto pola lectura. Son actividades de dez horas de duración, cos títulos "Crear creadores", "As bibliotecas escolares", "A música e a literatura", Obradoiros de expresión teatral" e "Falan as autoras e os autores". Esta última actividade contará coa participación de escritores galegos como Rosa Aneiros e Ramón Caride.

Os pais e as nais son os destinatarios dunha serie de charlas que se desenvolverán ao longo da semana en horario de tarde, e na que especialistas informaranos e aconsellaranos sobre as estratexias para crear ou consolidar a afección pola lectura nos nenos e mozos.

Abertas ao público
O programa das Semanas do Libro e a Lectura complétanse con actividades abertas ao público xeral. Así será no caso das inauguracións, que correrán a cargo do grupo Migallas co espectáculo "Canta connosco!" e de Stranniki, que propoñen unha viaxe musical por cidades relacionadas co mar. As clausuras contarán con espectáculos de títeres e teatro infantil, con Os Quinquilláns coa obra "O Mago de Oz", Títeres Cascanueces con "A rúa das pantasmas" e The Pinga Teatro con "O rei dos mares".

Ademais, todos os días haberá espectáculos de contacontos ás 18 horas. A proposta cultural complétase con tres exposicións: unha con libros infantís e xuvenís de editoriais galegas; outra de ilustradores e ilustradoras; e unha terceira de materiais elaborados polo alumnado de cada unha das localidades participantes.

Primeira cita en Oleiros
A primeira das Semanas do Libro e a Lectura comezará en Oleiros o domingo 30 de marzo ás 12 do mediodía, e desenvolverase ata o 5 de abril no auditorio Gabriel García Márquez de Meira. Abirirase coa actuación do grupo Migallas e do alumnado do IES Neira Vilas de Perillo. A programación inclúe exposicións, contacontos abertos ao público, actividades para o alumnado e o profesorado, e o martes 1 unha sesión sobre animación á lectura para os pais e nais. O mércores 2 de abril celebrarase o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha actuación da compañía The Pinga Teatro, un recital poético e a actuación musical de Marusía. A Semana pecharase o sábado 5 de abril coa actuación de Os Quinquilláns e cun concerto da Orquestra de Cámara da Escola Municipal de Música de Oleiros.

Dossier Semana do Libro e Lectura

 

 
< Ant.
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.