|
Máis de trinta empresas do sector asistirán á feira durante os días 5 e 6 de abril No ámbito da Mostra celebranrase as I Xornadas Técnicas sobre a Planta Ornamental no Baixo Miño, a cargo de varios profesionais na materia O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal inaugurará a V Mostra de Cultivos do Baixo Miño, a celebrarse o vindeiro fin de semana en Tomiño. O mandatario autonómico presidirá a inauguración da mostra acompañado do delegado provincial de Medio Rural, Gonzalo Constenla, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o presidente da Comisión Organizadora da Mostra, Juan Peixoto Moure.
A Concellería de Promoción Económica e Xuventude organiza conxuntamente cos Produtores do Baixo Miño, e coa colaboración da Consellería de Medio Rural, a V Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que terá lugar os días 5 e 6 de abril no pavillón de deportes de Goián (Tomiño). Á mostra asistirán máis de 30 empresas do sector do agro (17 viveiros de plantas ornamentais, 4 de produtos do campo, 4 maioristas de flor e 6 auxiliares do sector). O obxectivo principal desta feira é poñer en valor o que se fai no mundo do viveirismo, da flor, da horta e da fructicultura na zona do Baixo Miño e máis, concretamente, no concello de Tomiño. Ademais, preténdese promover acordos empresariais que incrementen as posibilidades de negocio e de exportación, así como a modernización do sector do agro. O programa previsto é o seguinte: Sábado 5 de abril: 12:00 horas: Inauguración da mostra presidida polo Conselleiro de Medio Rural (Alfredo Suárez Canal), Alcaldesa de Tomiño (Sandra González Álvarez) e Presidente Comisión Organizadora da Mostra (Juan Peixoto Moure). 16:30 horas: I Xornadas Técnicas sobre a Planta Ornamental no Baixo Miño, a cargo de varios profesionais na materia. Impartirase no Auditorio de Goián a partir das catro e media da tarde. Adxúntase programa. Domingo 6 de abril: exposición e peche, entre as 11:00 e ás 20:30 horas, respectivamente. Ambas mañás haberá polbo á feira e vendedores de plantas e produtos de O Rosal fora do pavillón. Para máis información, pode visitarse a páxina Web da mostra: www.mostradecultivos.eu Outros datos de interese: O Concello de Tomiño encadrase no centro da Comarca do Baixo Miño ao abrigo do Río Miño e a Serra do Argallo, que os protexe dos ventos do Norte, converténdose nunha zona privilexiada de Galicia e unha das mellores de Europa polo seu excepcional microclima e calidade das súas terras ácidas, apropiadas para actividades agrícolas, para o cultivo de especies coma camelias, magnolias, azaleas, breixos, acivros, entre outras plantas ornamentais e numerosos árbores froiteiras, destacando o mirabel e o kiwi. Este clima suave favorece tamén a extensa produción de flor, de magnífica calidade, tales coma rosa, iris, tulipán, gladíolos, lílium, margarida, caravel, caravel pequeno, etc.; así como o cultivo de diferentes produtos da horta como tomate, pemento, xudías, leitugas, grelos, etc. Na actualidade, dedicaranse máis de 100 hectáreas á produción de plantas ornamentais, unhas 50 hectáreas á produción de flor e a mesma extensión de terreo a produtos da horta. Pero trátase este dun sector que segue avanzando, así aumenta cada ano o número de pequenas explotacións dedicadas a esta actividade e increméntase o tamaño das máis grandes. A importancia deste sector na Comarca do Baixo Miño, ponse de manifesto no feito de que no ano 2005 entre as 15 primeiras empresas por facturación atópase unha das expositoras desta mostra e entre as 10 primeiras segundo o número de traballadores, dúas delas. Ademais é moi importante a produción por parte dos viveiros de rododendros, hortensias, arbores ornamentais e en xeral todo tipo de plantas acidófilas. Pero en xeral podemos dicir que existe unha grande diversidade na produción e que a maior parte da planta xa se reproduce directamente nos viveiros. Estase a dar tamén un crecemento importante das exportacións de plantas ornamentais e árbores dos viveiristas da comarca tanto a outras zonas de España como do estranxeiro. Así, países coma Portugal, Francia, Inglaterra, Italia, Bélxica, Holanda, Alemaña ou Suíza son os principais importadores desta produción. O microclima desta zona é tamén o principal factor para a fecundidade da nosa horta e a obtención de produtos dunha natureza excepcional tan recoñecidos no resto de España, destacando, entre eles, o tomate, as distintas variedades de pemento, xudías, leitugas, grelos, etc., que abastecen aos mercados das zonas limítrofes e que, ó mesmo tempo, son a materia prima das conserveiras vexetais da zona, sendo estas das poucas existentes en Galicia. A comercialización da produción deste último tipo de produtos realízase a través das cooperativas existentes e distribuidoras que abastecen ó mercado retallista. Esta, ó igual que as outras actividades, é unha fonte moi importante de emprego tanto directo coma indirecto. En canto a empresas de transformación, é preciso facer mención ás empresas que naceron para fomentar os recursos e cultivos dos produtos hortofrutícolas desta zona, onde destacamos o mirabel como unha froita única en España. Esta pode ser consumida como froita de temporada, en caldo de azucre ou incluso coma ingrediente principal para a elaboración de un aromático licor mirabel. Ademais da elaboración de diferentes augardentes e licores tradicionais e de froitas, destacamos o licor de cilantro, herba aromática e medicinal, elaborada segundo unha antiga receita transmitida durante xeracións. Considérase orixinaria da vila de Goián, e é un licor moi apreciado dentro da gastronomía galega. Na súa elaboración combínanse as sementes de cilantro con outras herbas, aportándolle unha cor e gusto que o distinguen doutros licores. Relacionada anterior: Tomiño celebra a V Mostra de Cultivos do Baixo Miño |