|
O responsable da Concellería de Deportes, Fernando Álvarez, quere facer pública a súa felicitación aos compoñentes da Asociación Deportiva Tomiño polos éxitos acadados na Liga Comarcal, na que veñen de proclamarse campións, na categoría de cadetes.
A clasificación do equipo foi posible tralo resultado do penúltimo partido da liga, disputado o pasado día 1 de abril, contra o "Santa Mariña B", de Vigo. Este encontro proporcionoulles o punto que lles faltaba para acadar o primeiro posto, e que lles permitirá agora o ascenso á 1ª comarcal. É a primeira vez que os xogadores da Asociación Deportiva Tomiño gañan a liga, tendo batido ademais, o récord de goles, cos 101 tantos que marcaron nos 21 partidos xogados. Sergio Almeida, presidente da asociación deportiva, manifestou o seu orgullo e satisfacción polos resultados acadados. "Este triunfo significa moito para nos e suporá, como é lóxico, un maior esforzo e máis desprazamentos". O presidente da asociación nas categorías de alevíns, infantil e cadetes, agradeceu tamén o apoio do Concello de Tomiño e das empresas que fan posible o funcionamento dos equipos, e invitou aos pais e nais a seguir colaborando. O concelleiro delegado de Deportes, Fernando Álvarez, pola súa banda, reiterou o seu apoio a un club que desenrola unha importante labor no eido da formación e o deporte dos máis novos, así como a intención da concellería de seguir apostando polas categorías alevín, infantil e cadetes. "Este ano se incrementaron as axudas a meirande parte dos clubs e nesa líña seguiremos traballando, sobre todo cando se sube de categoría e aumentan os custes e esforzos". O edil amosou tamén a súa vontade de que, en breve, os campións e a súa directiva, poidan ser recibidos na sede do Concello no marco dunha recepción oficial. O último partido da liga disputarase mañá, 5 de abril, ás 19:00 horas no Campo Municipal A Carballa, lugar onde entrenan regularmente os deportistas. O encontro, na categoría Cadete 2ª Autonómica Grupo 15, será entre o U.V.C.D. Candean e o Tomiño F.C. A partir das catro da tarde, disputaranse outros dous partidos nas categorías de alevíns e benxamín. |