|
Xabier Pérez Igrexas
O Movemento polos Direitos Civís, sacaba á luz pública o feito de que a Garda Civil elaborou un informe que era distribuído en charlas de información interna, no que se describía aos autocolantes do GZ, nas súas diferentes variantes, como un elemento identificativo de persoas relacionadas co MLNG, movemento de liberación nacional galega. Nese material tamén se incluía un completo organigrama onde se sinalaban os colectivos que sendo suposta parte do presunto MLNG actúan nos diferentes eidos: ambiental, feminismo, estudantil, político...
Esa identificación servía para engadir observacións "de interese policial" nunha base de datos paralela na que constan nomes e fotografías, segundo informa o MPDC. É maiúsculo o atropleo que supón para os direitos fundamentais das persoas este tipo de feitos. Mais existe un detalle non menor que se cadra agrava o feito, e que se refire aos colectivos sociais que relaciona co "segundo maior problema de terrorismo do España". As citadas entidades están constituídas de pleno direito e conforme ao marco xurídico que regula o direito a asociación, polo que incorporalas nunha especie de lista negra, sustentada nunha acusación implícita que viola calquer presunción, é unha violación dos direitos das persoas que as integran, pero tamén dos propios colectivos como personalidades xurídicas legalmente recoñecidas. Non deixa de resultar patético que a Garda Civil empregue como un indicador o feito de que un vehículo leve un colante co GZ, o que evidencia o alto grao de rigor do instituto armado. Inda así sería mellor que as forzas de seguridade do estado destinasen os seus esforzos a garantir a seguranza pública, no canto de exercer labores propias da policía política, que non teñen lugar no estado de direito que proclama a Constitución que xuran, e que moitos defenden como dogma de fé. Non se trata dunha anécdota sobre un colante, trátase de defender as nosas liberdades e direitos civís fronte este tipo de excesos antidemocráticos. |