|
Xabier Pérez Igrexas A apertura da sesión de investidura que elixirá ao presidente do goberno central arrincou coa intervención do candidato socialista, Jose Luís Rodríguez Zapatero. O formato da sesión, fai que de entrada esta intervención que abre o debate sexa habitualmente pouco substancial e máis ben difusa.
Zapatero engadiu da súa colleita a eses parámetros previos a súa permanente indefinición nun discurso que pretendendo abarcar unha grande cantidade de asuntos non pasou da pincelada dialéctica, ou no mellor dos casos dunha declaración de intencións en ton de bríndis ao sol. Nin o seu ton e dicción mitineras e pouco naturais, foron quen de engadir aínda que fose a golpe de declamación algún tipo de brillo, por moito que a bancada socialista se empeñase en romper en aplausos cada poucas frases.
O discurso do candidato Zapatero en termos estéticos non emocionou a ninguén, nin tan sequera achegou a mínima dose de profundidade no sentido dialéctico. Era apenas unha mestura de eslogáns, titulares e *claims, ou frases soporte. Un artificio máis, aínda que algo pobre, de mercadotecnia política. Como parlamentario nunca se luciu o presidente en funcións, nin nos seus tempos de deputado raso. Parece que o hemiciclo non lle resulta un escenario cómodo e dá a impresión de estar a contragusto, con falta de axilidade verbal e mental.
No político a intervención resultou nunha especie de crónica dunha investidura previsible unha vez que o PSOE desprezou, estreando o seu novo talante, o apoio das forzas nacionalistas, renunciando á elección nunha única votación. Con todo, hai algúns elementos positivos no dito por Zapatero, destacadamente no referido ás políticas sociais, co anuncio de continuar a amplialas e estendelas, cunha aposta por dedicar máis esforzos aos segmentos sociais máis desfavorecidos e desprotexidos e coa pretensión de continuar a xerar máis e mellor emprego.
Aínda así, eses elementos positivos que poderiamos definir como o bloque social do discurso de Zapatero, víronse deslucidos polas dúbidas que suscita que estas iniciativas poidan sustentarse coa política económica que enunciou o candidato socialista, que se pode resumir no paradoxo incompatible do máis por menos: máis política social e menos impostos. Difícil de crer.
Ademais houbo outros aspectos negativos entre os que cabe destacar o afán centralista que se cristaliza na pretensión de reservar para o estado o 50% do gasto público, o que ademais dunha medida regresiva carece de toda lóxica tendo en conta do mapa de competencias transferidas. O natural será dotar de recursos ás administracións, neste caso as diferentes comunidades autónomas, para que estas poidan facer fronte aos gastos que leva a xestión das cuestións transferidas (ensino, saúde, xustiza...), non reter en mans do goberno central eses recursos.
A decepcionante renuncia a reformar a lei do aborto e á despenalización da eutanasia, a non mención ás reformas do Senado ou do Tribunal Constitucional ou as escasas referencias ás infraestruturas, son algúns exemplos máis dun discurso con escasísimo impulso reformador e con pouco fondo.
Para rematar, a sutil chiscadela lanzada ás forzas nacionalistas afirmando que quere contar con elas nos pactos de estado, inicialmente ofrecidos ao PP e de xeito directo a Mariano Rajoy, debería ser unha obviedade, ou seica pode existir un pacto de estado sen contar con forzas que, como o BNG, serán imprescindibles na gobernabilidade do Estado e coas que o PSOE vaise a ver obrigado a contar para sacar adiante o seu paquete lexislativo? A non ser que agora o aliado preferente de Zapatero sexa o Partido Popular. Artigo orixinal publicado en Rebelión e traducido por InfoRosal.com |