|
A presentación tivo lugar onte na Confraría de Pescadores e correu a cargo da secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán
A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, presentou onte na Guarda o Programa Arlinga 2008 de apoio ás redeiras galegas, unha iniciativa da Vicepresidencia da Xunta que nace como unha aposta pola dignificación deste oficio.
Adán explicou, ante un numeroso grupo de profesionais da zona, que o programa servirá para aumentar a visibilidade do traballo das redeiras, mellorando as súas condicións de traballo e a estabilidade laboral, e favorecendo a supervivencia deste oficio que considerou como "un símbolo de identidade de Galiza". Carme Adán apuntou que este programa, cuxo protocolo foi rubricado o pasado luns no Porto do Son coa Federación Galega de Redeiras Artesás "O Peirao", contará cun orzamento para este exercicio de máis de 600.000 euros para contribuír a paliar algún dos problemas cos que se enfronta o sector na actualidade. Neste senso, aludiu á invisibilidade na que se quixo manter este oficio no noso país, "unha invisibilidade que tamén se dá porque é un oficio desenvolvido por mulleres, ás que nunca se lles quere recoñecer que teñen oficios propios", e que redunda nun elevado nivel de intrusismo e falta de estabilidade que provoca que cada vez sexa máis difícil exercer esta profesión. No camiño de dar saída a esta situación, manifestou o apoio da Administración galega coa posta en marcha da iniciativa Arlinga, pero destacou o importante papel a xogar polas propias redeiras galegas "co compromiso do seu traballo e aproveitando a oportunidade que agora se lles presenta". Axudas individuais Na súa intervención, Carme Adán debullou as medidas recollidas no programa que pon en marcha o seu departamento. En primeiro lugar, aludiu a unha liña de axudas económicas individuais de carácter anual para as profesionais. Con estas axudas, segundo explicou, as redeiras poderán, entre outras cousas, facer fronte as cotas da Seguridade Social durante todo o ano, uns custos agora inasumibles para moitas traballadoras, coa conseguinte inestabilidade no sector. Formación Como segundo alicerce do Programa Arlinga, a secretaria xeral fixo referencia á formación. Neste eido, desenvolveranse diversos obradoiros nas 12 localidades nas que teñen as sedes as asociacións de redeiras integradas na Federación. Os cursos darán comezo na primeira semana de maio en Cangas, Malpica, Aguiño, A Guarda e Porto do Son, estendéndose posteriormente a un total de 12 portos galegos. Cooperativa de servizos A terceira medida que contempla o Programa pasa por activar axudas para as asociacións de redeiras e a propia Federación, no camiño fomentar o cooperativismo. Trátase, segundo comentou Adán, de crear unha cooperativa de servizos, un modelo moi acaído á cultura asociativa das redeiras, que contribúa á súa competitividade. Visibilización Como último punto, tamén se trata de dar a coñecer o traballo das redeiras ao conxunto da sociedade, para o que se desenvolverá unha campaña de sensibilización e visibilidade deste colectivo que se coñecerá co nome de María Soliña. Con esta campaña preténdese valorizar o traballo das mulleres redeiras, concienciar da súa importancia no conxunto do sector pesqueiro e traballar na loita contra o intrusismo profesional. Neste senso, o programa Arlinga aspira a ter un dobre impacto: por unha banda un impacto positivo nas propias redeiras e, por outra, un impacto no conxunto da sociedade. Segundo os datos que manexa a Vicepresidencia da Xunta, máis de 500 mulleres redeiras e 12 asociacións, que serán as impulsoras e integrantes da cooperativa de servizos, se beneficiarán do Programa Arlinga 2008. |