|
A asociación cultural Sine Nómine promove un manifesto contra o curriculum do bacharelato en Galiza que, entre outras cousas, prima o ensino da relixión, reducindo horas doutras materias como Educación Física ou Filosofía e Cidadanía..
Manifesto íntegro: A asociación cultural Sine Nómine, composta por profesorado de Historia e Filosofía de ensinanza secundaria e universitaria, quere manifestar publicamente o seu mais rotundo rexeitamento ao borrador de decreto polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, no que no seu anexo II establece o reparto horario das materias correspondentes.
Non é admisible de ningunha forma que nunha ensinanza pública e financiada polo estado a anomalía que supón a presenza forzada no currículo dunha materia de Relixión Confesional condicione e obstaculice a planificación racional do tempo lectivo e, xa que logo, a consecución dos obxectivos establecidos no conxunto dos currículos das materias obrigatorias.
Entre as distorsións repercutidas no reparto horario que se propón e que consideramos inaceptables polas súas consecuencias educativas devastadoras a curto e medio prazo, destacamos as seguintes: -A aparición por vez primeira da materia de Relixión en 2º de bacharelato ten como consecuencia inmediata a detracción de 1 hora na materia común de Historia de España, o que comporta unha redución significativa na calidade do ensino desta materia -por canto se persevera en facer remontar os seus contidos até Atapuerca-, como así mesmo da preparación en xeral do alumnado para o acceso á estudos superiores. -A diminución do horario dispoñible para materias comúns de 1º de bacharelato, como a Educación Física e a Filosofía e Cidadanía, por debaixo, non xa dos requirimentos dos seus respectivos currículos, senón da súa mesma viabilidade como materias educativamente útiles. -O abandono da Filosofía e Cidadanía á súa sorte, alén dos seus efectos disolventes para a continuidade da filosofía no currículo, transmite unha mensaxe inequívoca de minusvaloración da perspectiva reflexiva e crítica na apropiación do coñecemento e os valores civís, dirixida ao resto das materias e, en particular, ás que son responsables a través do coñecemento da historia recente e mais do programa de educación para a cidadanía, -que con tanto empeño se impulsou dende a Administración-, precisamente da formación dunha cidadanía informada, autónoma e democrática. Por todo o exposto, solicitamos o apoio de cantos compartan os argumentos aducidos para requirirmos aos poderes públicos a procura dunha solución, na que en todo caso sexa a materia non obrigatoria de Relixión Confesional a que se adapte ás necesidades de desenvolvemento horario do currículo compartido por todas as alumnas e alumnos, que, por iso mesmo, debe prevalecer. Para asinar o manifesto visita este enlace http://nexosfilosofia.org/sine/index.htm |