|
A Guarda, xunto cos concellos portugueses de Caminha, Vila Nova de Cerveira e Paredes de Coura, presentou onte o proxecto OrillasMiño “Dinamización do turismo nas dúas marxes do Miño”, que ten un custo total de 2.047.300,00 euros, como candidato ó Interreg.
O obxectivo do proxecto presentado é desenrolar unha identidade turística transfronteiriza a través da valorización, dinamización e promoción dos recursos endóxenos para configurar unha oferta turística diversificada que contribúa ó desenvolvemento sostible, á xeración de emprego e riqueza e á fixación de poboación no territorio. Polo que toca ó Concello da Guarda, algunhas das actuacións que se pretenden poñer en marcha de aprobarse o proxecto son a adecuación e actualización dos contidos do museo do monte Trega a través da innovación en contidos, soportes e formas de expoñer, o deseño de percorridos no monte e implantación dunha sinalización axeitada, a creación de campos de excavacións arqueolóxicas, medidas tendentes á actualización e mellora do sector hosteleiro local para lograr estándares de calidade, a valorización da oferta gastronómica local, o deseño de rutas gastronómicas e celebración de eventos gastronómicos, desenvolvemento de opcións de turismo alternativo: turismo pesqueiro, ocio náutico, etc. a promoción do comercio de artesaní e o deseño dunha marca turística común e de material promocional. De ser aprobado o proxecto, as accións nel contempladas terían que levarse a cabo durante os anos 2009 e 2010. As inversións na Guarda acadarían a cifra de 1.052.260 euros, dos cales o concello terá que aportar o 75%, é decir, 789.195 euros. |