topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3610362

Alternativas visuais

js_element_orange
Balanzo das Xornadas Conmemorativas da Instauración da II República celebradas en Tui PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 23 de Abril do 2008

O domingo e luns, 13 e 14 de abril, celebráronse na cidade de Tui as Xornadas Conmemorativas da Instauración da II República programadas pola asociación de recente creación, Levada Libre. Os actos comezaron cun xantar republicano no restaurante O vello cabalo furado, o primeiro convocado na cidade fronteiriza dende 1936, que tivo unha grande acollida xa que se xuntaron preto de 47 persoas.

 

No xantar, nun ambiente do máis animado, lembráronse os anos da II República, cantáronse temas da época e recitáronse poemas.

 

Posteriormente, pola tarde, comezaron os actos seguindo o programa organizado pola asociación Levada Libre, destacando con satisfacción a gran resposta que tiveron os mesmos xa que tanto o domingo como o luns asistiron o redor de 70 persoas, enchendo por completo o foro do local reservado no Museo Municipal de Santo Domingo e cedido polo Excelentísimo Concello de Tui.

 

Das actividades que se levaron a cabo, destacar o activo papel das xeracións máis novas, como por exemplo o das rapazas que integran o cuarteto de corda "Xorima", que emocionaron a todos os asistentes coas súas interpretacións musicais. Por outra banda, outro grupo de

mozas presentaron os documentais "Memorias" e "Moi persoal". Ambos proxectos son resultado dun obradoiro de curtametraxe documental dirixido ás mozas e mozos da comarca do Baixo Miño coa finalidade de que os propios participantes realicen os seus documentais mostrando aspectos da realidade social, cultural ou económica na que viven. É esta unha iniciativa da Fundación Comarcal do Baixo Miño e a Fundación Comarcal do Morrazo, deseñada e xestionada por MR. Misto e patrocinada polas Consellerías do Medio Rural e de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza. Foi moi satisfactorio comprobar que as xeracións máis novas

da cidade veñen con moitas gañas e forza.

 

Por outra banda, destacar as brillantes intervencións feitas por Manuel Vázquez de la Cruz, o cal ofreceu unha interesante conferencia titulada "Século XIX, seguiu ata moi entrado o século XX"; ou as presentacións dos documentais feitas por man de Alberto Estevez Piña e Marga Romero que nos convidaron a todos os asistentes a facer un percorrido por aqueles anos republicanos, de guerra e posguerra.

 

Para finalizar as xornadas, o luns 14 de abril no crepúsculo do día, os asistentes acercáronse á Lameda de Tui e alí, fronte o monumento Os represaliados do 36, fixeron unha ofrenda floral; e baixo a tenue luz das velas, cantaron e recitaron poemas como xeito de honrar ás víctimas da represión da guerra civil española.

 

Como peche desta xuntanza republicana, dende a asociación Levada Libre agradecen a todos os asistentes e colaboradores das Xornadas o seu apoio e confianza nas súas andanzas. "Sen todos vós estes satisfactorios momentos vividos non serían posibles. A gran resposta que tiveron as Xornadas por parte da cidade de Tui, e fora dela, déixanos claro que o caudal de Levada Libre vaise enriquecer de moitos e diferentes mananciais que teñen como principal premisa a defensa da liberdade e dos dereitos fundamentais dos homes e mulleres de esta época, da pasada e da que aínda está por vir. Grazas de corazón"

 


 

Resumo da conferencia de Manuel Vázquez de la Cruz:

 

"Século XIX, seguiu ata m moi entrado o século XX"

 

Manuel Vázquez de la Cruz fixo un percorrido sobre a historia do século XIX, incidindo nos seus modos de vida, seus reis, as súas constitucións e a constante loita da liberdade que cando, tentaba aparecer, sempre tiña un espadón disposto a masacrala.

 

Explicou como antes da Constitución de Cádiz, José I, dende Bayona, Francia, outorgou unha moi similar que, en rigor, debe ser considerada como a primeira Constitución española, e sobre todo, a primeira que elimina a inquisición.

 

Dixo que Fernando VII pode ser considerado como un dos personaxes máis sinistros e traidores da historia. Despois da sublevación de Riego e a volta á Constitución do 12, A Pepa, escribiu todos os días cartas ós soberanos europeos pedindo unha invasión para restaurar o vello orden. O fin, produciuse e viñeron os cen mil fillos de San Luís. A represión foi tremenda e o propio Riego morreu aforcado.Nese ano de 1823 en Tui, co bispo e cóengos ó fronte,  queimouse un exemplar da Constitución, e volveu lealmente a inquisición da man, claro está, da Igrexa Católica.

 

Cando Fernando VII morre, dez anos despois, deixa o país dividido polas súas intrigas para a súa sucesión, en guerra civil, e a súa viúva, que en seguida busca parella e encóntraa, ten que arrimarse un pouco ós liberais, pero moi pouco, para salvar o trono da súa filla.

 

E durante todo o século sucédense constitucións e golpes de estado contra a liberdade, case sempre, sendo estes tremendamente cruentos. E fame, moita fame. "todos temos antepasados que pasaron grandes fames negras", dixo Manuel. E que como estas chegaron ata fai ben pouco tempo. Recordou entón ós nenos de Auxilio Social que ían xantar algo, descalzos e cheos de frío. Recordou como el ollara andaluces e estremeños esperando nas prazas dos pobos un xornal de fame. Pediu respecto para os que chegan en pateras e caiucos. Aínda sexa polas nosas historias persoais.

 

Falou despois da Gloriosa, a revolución do 68 que trouxo a Amádeo I e despois da primeira República. Reivindicou para a utopía que foi aquela república un estudo máis serio. E dixo mostrarse orgulloso de que no mundo, quizais por primeira vez, un presidente dimitira por non

asinar unha sentencia de morte. Dixo que, tamén quizais por primeira vez, quedou escrito que as liberdades dos negocios están despois das atencións da maioría.

 

Pavía, o Xeral, finalizou a primeira República. Sérrano quedou como xefe de Estado. A restauración borbónica viu da súa man. El e Martínez Campos fixeron rei ó fillo do xeral bonito e de Isabel II, Alfonso XII. El xeral bonito era Sérrano, que actuou sempre como un "bo pai",

contra a primeira república.

 

Argallaron a constitución que a eles lles viña ben, a da alternancia. Na última transición tamén víñalle moi ben o Sr. Fraga, como non puido ser, tívose que vir a Galicia, dixo.

 

A constitución da alternancia, incriblemente encorsetada durou ata o golpe de Primo de Rivera e incluso despois con Belaguer, serviu, parece imposible, para o advenimento por votación da República. Esa vez non puideron facer nada os caciques ó servicio dos Borbóns. A batalla electoral foi na cidades.

 

Pero a República tiña outra vez en contra ó golpismo do exército. E dentro deste exército ós africanistas, os máis sanguinarios, os máis primitivamente guerreiros, os que máis tiñan que perder porque vivían da guerra como os antigos mercenarios, aínda que fora xa en pasado.

 

Primeiro foi Sanxurxo. Ganóuselle e condenouse a morte. A nai de Fermín Galán pediu pola súa vida. A República aboliu a pena de morte.

 

E aquel primeiro goberno republicano iniciou tres políticas principais: cultura, cultura e cultura. Tamén lei do divorcio, patria potestade, voto ás mulleres, obras hidraúlicas, lei de reforma

agraria, misións pedagóxicas...

 

Despois viu Lerroux e empezou a marcha atrás.

 

Cando en febreiro do 36 volveu a "boa xente", OS CONSPIRADORES de sempre, os do todo o século XIX volveron ás andanzas de sempre. Esta vez apoiadas polo Fascismo Español e a súa Falanxe, a organización que predicou que so rexeneraríase España con unha guerra civil.

 

O fin conseguiron a guerra; e a morte; e a fame; e o dor; e os fusilamentos. E sobre todo a escuridade. A maldita escuridade da historia.

 

E despois de encher España de sangue, ensanguentando e matando, morreu o dictador fascista. E moitos que lle serviran tiveron que facerse demócratas (nunca saberemos ata que punto).

 

E xa na transición, un espadón decimonónico, sen ningún matiz romántico, entrou no congreso dos deputados. Despois os seus, saltando polas fiestras case co cu o aire, o deixaron so. Pero algúns na rúa querían volver a pendurar bandeiras, as súas bandeiras golpistas, nos balcóns.

 

E, quizais, no ano 2004, quería que resucitara Lerroux. Custoulles moito traballo admitir unha derrota nas urnas. Todo o que dixeron parecíase moito o que dicían no século XIX. Todo o que facía, a súas manifestacións contra todo, o seu anticatalanismo, as súas actuacións no senado e no congreso acusando a demócratas de por esposas nos outros, parecíase moito á estratexia de terror e odio ás institucións que practicaron no período de febreiro a xullo do 36.

 

¿Estaríamos todos na cárcere agora se houbera un Hitler en alemania ou un Musoline en Italia?

 

¿Cando rematará o século XIX en España?, finalizou Manuel Vázquez de la Cruz.

 
< Ant.   Seg. >
Image
 
arela Xoería Creativa
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.