|
A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, instou á Xunta a paralizar a anunciada supresión do primeiro ciclo de E.S.O. nos concellos lucenses de Abadín, Baleira, O Incio, Paradela, Portomarín, Samos e Triacastela e nos pontevedreses de Covelo, A Golada, Crecente e Arbo.
Para a portavoz de Educación do Grupo Popular, que compareceu acompañada polo voceiro adxunto desta área, César Pérez Ares, a supresión do Primeiro Ciclo de ESO que viña funcionando nos CEIPs deses once concellos foi unha medida sorpresiva, inxusta e autoritaria, que foi adoptada de costas á comunidade educativa, pero tamén sen contar cons alumnos nin pensar nos prexuízos que van causar aos máis de 200 rapaces afectados. A xuízo de López Besteiro, "non se entende que os dous partidos que sustenten ao Goberno bipartito e, polo tanto apoian á conselleira de Educación no Parlamento, se manifestasen onte en Lugo para pedir que a Xunta reconsidere a supresión deses primeiros ciclos de ESO, en lugar de asumir a súa propia responsabilidade". "Se realmente están en contra de causar eses prexuízos aos cativos, o que deberían ter feito con anterioridade é trasladar esa postura directamente á Consellería para evitar a adopción de medidas drásticas como as anunciadas", argumenta a deputada popular. Como exemplo dos prexuízos derivados da supresión deses ciclos de ESO, López Besteiro apuntou que algúns alumnos se verán obrigados a efectuar desprazamentos de ata 45 quilómetros diarios, saíndo das súas casas ás oito da mañá para regresar contra as tres da tarde. "Sorprende que o mesmo Goberno bipartito que anuncia plans de reequilibrio territorial -sen dotación económica específica, nin actuacións extraordinarias- e que aboga por recuperar a vitalidade do medio rural, sexa, ao mesmo tempo, o que elimina equipamentos educativos para concentralos nos principais núcleos de poboación, nunha estratexia de desmantelamento de servizos, contraria a toda lóxica política e pedagóxica" declaraba Besteiro. |