- A obra recibiu o Premio Max 2008 ao mellor autor teatral en galego
Un tema tan actual coma o da emigración e a inmigración é que aborda Teatro de Ningures na súa última montaxe “Emigrados”. Está baseada nunha creación conxunta de Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumais, Sonia Torre e Cándido Pazó, que recibiu o Premio MAX 2008 ao mellor texto teatral en galego.
A representación de "Emigrados" terá lugar este venres, 25 de abril, ás 21h no Teatro Municipal de Tui, dentro da programación que organiza a Concellería de Cultura. As entradas poranse á venda ao prezo 4,5€, cos descontos habituais, a partir das 16.30h. Etelvino Vázquez é o director e dramaturgo de "Emigrados", unha obra que nos achega unha historia múltiple de distintos autores, que nos ofrecen unha visión sobre a emigración e inmigración, retorno e desenraizamento, abordados dende o punto de vista actual pero sen esquecer que este é un fenómeno de seu dos galegos. Sobre o escenario sitúanse Sonia Rúa, Santiago Cortegoso, Mónica Camaño, Fran Paredes, Salvador del Río e Casilda García. A escenografía corresponde a Pablo Giráldez "Pastor", o vestiario foi elaborado por Carlos Alonso e a música é de Anxo Graña. Teatro de Ningures fundouse en 1986 sendo na actualidade unha das compañías teatrais máis estables de Galicia. O equipo humano de "Teatro de Ningures" está formado por cinco actores, cinco actrices e dous técnicos que contan cun recoñecido prestixio, e para as distintas produción súmanse actores, técnicos e creadores de todo o país. |