|
A Consellaría de Traballo vén de respostar por escrito a unha pergunta do deputado do BNG Fernando Blanco Parga sobre a situación en que ficaron as persoas afectadas pola desaparición do propietario do grupo de empresas Marbar, con sede no concello de Tomiño.
Na resposta remitida polo goberno detállanse por orde cronolóxica os sucesos que sucederon ao peche desta empresa, o 21 de xaneiro de 2008, indicando o labor feito neste eido pola Consellaría, que se puxo en contacto coa central sindical CIG, que está a asesorar aos traballadores para lles informar dos trámites que deben seguir. Tal e como informa o goberno, os empregados solicitaron a prestación de desemprego e están a preparar as demandas por despedimento. Perante a solicitude de información formulada pola Consellaría ao INEM, infórmase de que se presentaron na oficina de emprego de Tui os traballadores das empresas Granitos Tebra, Granite e Edificaciones Marbar. Mentres, na oficina da Cañiza, recibíronse solicitudes das empresas Construcciones Marbar SL e Marsán 2004. Xa en febreiro, a CIG presentou ante a delegación provincial da Consellaría de Traballo papeletas de conciliación polo despedimento en representación de 48 traballadores/as do grupo de empresa Marbar. O acto de conciliación realizouse o 26 de febreiro sen que comparecese a parte empresarial. Mantemento dos bens da empresa A data de 27 de febreiro, fontes sindicais e administrativas indican, segundo informa a Consellaría, que xa se producíu a recolocación do 75% dos traballadores/as. O goberno indicou que ten actuado neste caso desde o principio a través dunha inspectora que "permanece en contacto coa CIG, está a facer un labor de recompilación, revisión e análise de todas as actuacións e da documentación achegada polos traballadores, en materia de contratación e de Seguridade Social para detectar as posíbeis irregularidades en canto a transvase de traballadores entre empresas do grupo e outras cuestións que poden afectar ao cobro actual e futuro das prestacións dos traballadores. Traballo responde tamén á pergunta do parlamentar sobre a posibilidade de levar adiante plans especiais ou algunha medida que favoreza a recolocación dos traballadores/as indicando que é o concello de Tomiño o que está a elaborar un Programa experimental de emprego que pretende, "a parte de beneficiar a outros colectivos de desempregados do municipio, beneficiar aos traballadores/as que foron despedidos e aínda non foron recolocados". O programa será presentado diante da Consellaría para analizar os requisitos, prazos e financiamento para a súa posta en marcha. No referido á investigación xudicial e ao mantemento dos bens da empresa, cuestións polas que amosaba tamén o seu interese o Bloque, o goberno informa de que xa ten solicitado da subdelegación do goberno colaboración para garantir a permanencia dos bens e propiedades do grupo e tamén está formulada a solicitude de busca do empresario. Tal e como xa se informou en datas pasadas, a Consellaría indica que a Fiscalía Especial en Delitos Económicos está a instruír dilixencias neste caso, en aras á posibilidade de formular denuncia contra o dono do grupo empresarial. Relacionada: |