|
A Federación de Empresarios do Baixo Miño – FEBAM, ven de rematar un estudio estatístico levado a cabo polo seu persoal técnico sobre o nivel de afluencia que tiveron os restaurantes e establecementos comerciais do Baixo Miño co gallo da festividade do “25 de abril” en Portugal celebrado o pasado venres.
Segundo dito estudo, na comarca do Baixo Miño e en relación co sector da restauración, houbo un incremento dun 10% en comparación con calquera outro fin de semana, o que supón unha ocupación dos restaurantes nun 60,90%. Descenso respecto de anos anteriores Aínda reflexándose este aumento do 10% no sector gastronómico, cabe destacar que en relación a anos anteriores este sector sufriu un descenso de afluencia dun 20%. Por outra banda no que se refire ó sector do pequeno comercio o incremento de clientes situase en torno ó 5%, o que non significou un incremento das vendas. Cabe destacar que en certos concellos como é o da Guarda, a afluencia de visitantes notouse máis no sector gastronómico e de restauración, namentres que noutros, como é o caso de Tui, esta afluencia destacou moito máis no sector comercio. Cos resultados acadados con este estudo levado a cabo dende a FEBAM, preténdese coñecer a realidade e o interese turístico e comercial da comarca, para cumprimentar con estudios posteriores e facer un seguimento en anos vindeiros, e así facer fronte ás posibles debilidades para mellorar e adaptarse ás demandas futuras co fin de acadar un comercio e unha restauración de calidade. |