|
O Goberno de Tomiño comprometeuse a rehabilitar a antiga escola “Unión del Porvenir”, sita nas parroquias de Taborda e Piñeiro, coa finalidade de acabar co estado de abandono en que se atopa o edificio e recuperalo para disfrute dos veciños de ambas parroquias. O acordo foi tomado no último pleno ordinario celebrado o pasado venres 25 de abril.
Tras conseguir o consenso entre as asociacións veciñais e culturais de Taborda e Piñeiro, o goberno firmará un convenio comprometéndose a xestionar a recuperación do edificio, procedendo á cesión de uso do inmoble a favor dos veciños. Nese convenio, o Concello e as asociacións recoñecen o uso público co fin de que a parcela e o edificio poidan ser rexistrados como de titularidade municipal, para que así o Concello proceda a súa rehabilitación. Os trámites para inventariar o inmoble como propiedade municipal, iniciaranse despois de que onte, en pleno, a corporación local aprobase por maioría o inventariado da parcela.
Mediante o convenio, o Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes de Piñeiro, a Asociación Cultural Raíces, a Comunidade de Montes de Taborda e a Asociación de Veciños San Miguel de Taborda, acordan, en primeiro lugar, "recoñecer que o edificio construído pola Sociedade Unión del Porvenir, tivo uso público de escola ata mediados dos anos setenta e dende aquela permanece en estado de abandono. En segundo lugar, o Concello e as asociacións recoñecen o uso público co fin de que o edificio e a parcela poidan ser rexistrados como de titularidade municipal, para que así o Concello proceda a súa rehabilitación e recuperación. Por último, o Concello comprométese á cesión do uso do edificio a favor das citadas asociacións.
O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Uxío Benítez, salientou a importancia de rehabilitar o edificio dende o punto de vista do patrimonio. Comentou que o primeiro paso foi conseguir o consenso entre os veciños de ambas parroquias. "Levamos adiante este tema co fin de conseguir rehabilitar o edificio para posterior aproveitamento por parte das dúas parroquias", indicou. O PP ponlle pegas ao procedemento e abstense Ante a decisión do Grupo de Goberno de inscribir como propiedade municipal dito edificio, o Grupo municipal do PP tomou a decisión de absterse ata que os veciños, a través das distintas Asociacións, Comunidades de Montes e Usuarios de Traídas de Augas se pronuncien ó respecto xa que na proposta levada a Pleno, segundo o PP, "non consta ningunha firma de aceptación sobre a mesma". Este Grupo municipal considera que "é inadmisible" levar a Pleno unha proposta onde se pretende que o Concello pase a ser titular deste edificio sin contar ca "aprobación explícita" das partes implicadas debendo ser os veciños/as das parroquias de Taborda e Piñeiro os que decidan sobre o futuro do edificio "La Unión del Porvenir". Dende o P.P. manifestan estar dacordo ca súa rehabilitación e posta en valor pero non aceptan o procedemento administrativo seguido polo Goberno municipal. |