- Contará coa participación de Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana e Xavier Rodríguez Baixeras
Dentro da programación de actividades organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Tui para a celebración do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez” hoxe haberá unha mesa redonda que debatera a relación do autor tudense coa literatura tanto dende o punto de vista de creador como dende a súa labor coma editor e estudoso da historia literaria de Galicia.
Esta mesa redonda sobre "Xosé María Álvarez Blázquez e a literatura" contará coas intervencións de Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana e Xavier Rodríguez Baixeras. Dará comezo ás 20,00 horas no salón de actos do Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos. Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do escritor tudense, e un digno continuador da saga familiar e literaria dos Álvarez, posúe unha ampla obra de creación tanto narrativa como poética. Amais é crítico literario e catedrático de literatura nun instituto vigués. A súa relación filial con Xosé María Álvarez Blázquez, a quen ten estudado e analizado, convérteo nunha voz imprescindible para analizar a actividade literaria do seu pai. Dario Xohán Cabana é un dos principais autores da literatura galega actual, tanto coma poeta como coma narrador. Mantivo unha estreita relación con Xosé María Álvarez Blázquez ao traballar, ao longo de varios anos, con el na editorial Castrelos, desenvolvendo unha fecunda labor de edición de importantes obras da nosa literatura. Ten escrito varios traballos sobre Xosé María, recentemente editou "Xosé María Álvarez Blázquez, vida e obra" (Xerais 2008). Xavier Rodríguez Baixeras, outro destacado creador da literatura galega actual, é un experto sobre a obra poética de Álvarez Blázquez, pois é o editor da súa "Poesía Galega completa", cuxa primeira edición foi en 1987 e agora ampliada e revisada. Estamos pois diante dunha oportunidade excepcional para coñecer a transcendencia literaria de Xosé María Álvarez Blázquez da man dos tres principais expertos que hai en Galicia sobre a obra do escritor e poeta tudense. Para o concelleiro de Cultura de Tui é un motivo de gran satisfacción poder reunir na nosa cidade a tres escritores de sona para falar sobre o escritor a quen este ano está dedicado o Día das Letras Galegas, deste xeito todos os tudenses e as persoas interesadas poden achegarse, co guieiro destes tres autores, á traxectoria que como creador e estudoso da literatura desenvolveu Xosé María Álvarez Blázquez. |