|
Marta Dacosta
Nos primeiros días de abril deuse a coñecer a unha plataforma que está iniciando unha recollida de sinaturas para promover a modificación do regulamento que afecta á realización de bingos en entidades parroquiais ou veciñais. Prodúcese esta circunstancia despois de que se teñan pechado varios destes bingos que se desenvolven os sábados á noite nos locais sociais das comisións de festas.
Algunha vez entrei nun destes bingos. Nas longas mesas habilitadas as persoas concéntranse en cubrir os seus cartóns ansiosas de conseguir unha caixa de deterxente ou unha botella de wiski, ás veces posibelmente o deterxente que levan xa o pagaron ao comprar os cartóns necesarios para gañalo. Canda elas están nenos e nenas menores de idade que participan desta afección. Estes bingos celebrábanse con regularidade e tiñan por obxecto recadar diñeiro para a celebración das festas patronais. Mais por que falar deste tema? Pois porque non podo aceptar que se diga que se procura a modificación da lexislación porque se defenden os dereitos da nosa cultura. E logo é propio da nosa cultura xogar ao bingo? Son propias da nosa cultura as celebracións das festas patronais que se financian con esta actividade, festas en que a misa maior xunto coa súa procesión ocupan o lugar central da xornada matinal e nas que podemos escoitar como a banda interpreta o himno español? Son propias da nosa cultura as cancións coas que pretenden facernos bailar moitas orquestras á noite? Habería moito que matizar e desde logo é inaceptábel que se nos pretenda convencer con argumentos que non se corresponden coa realidade. Porque poderíamos engadir que nalgún dos lugares en que se celebran estes bingos que se chaman sociais chegou haber confrontación entre a Comisión de Festas e o Centro Cultural, pois a Comisión negábase a que se realizasen outro tipo de actividades no mesmo horario que tiñan destinado ao bingo, e mesmo poderíamos dicir que as boicoteaban. Si, actividades como magostos, actuacións de grupos de música tradicional galega, teatro... En fin, calquera actividade que si estaba programada como actividade cultural e gratuíta para os veciños e veciñas daquel lugar. Os que din defender os dereitos da nosa cultura, impediron moitas veces que se desenvolvesen con normalidade actividades culturais que nos son propias e, cando chegan as festas, non lembran que en momentos moi importantes ben se poderían interpretar outros himnos ou pezas que nos son propias e que a música tradicional ten espazo nestas festas e, se cadra, aínda fai máis festa que moitos grupos que nos amplifican unha música enlatada que nos impoñen machaconamente. Eu non asinei. |