|
O pasado domingo día 27 de abril tivo lugar en Figueiró a VI edición da Festa da Orella. Dende ás 10 da maná ata as 10 da noite o contorno do Santuario de San Campio, sempre animado pola continua visita de peregrinos, transformouse nun lugar máis profano, onde a xente o que buscaba era tomar “unha tapiña”, ben fose da protagonista de festa, a orella (aliñada con pimentón ou con vinagreta), ben dun chouriciño frito e ámbalas duas regadas cun bo viño branco e tinto da parroquia.
Máis de catrocentas racións forón servidas polas entusiastas "mulleres" integrantes da Comisión, as cales, ao fin do día, sentíanse plenamente satisfeitas tanto polo éxito na organización como polos parabéns recibidos, xa que o menú servido estaba "boísimo". A actuación do Grupo de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio de Tomiño, patrocinado pola Concellalía de Cultura, Educación e Participación Veciñal do Concello de Tomiño, foi o complemento cultural ideal a esta festa gastronómica. O primeiro acto a beneficio da Festa está rematado, e dende a Comisión coidan que "pasado con nota" grazas a colaboración de todos: os que axudaron na organización, os que participaron como comensais e os que compraron rifas. Todo isto supón, para a Comisión, un extra de motivación para seguir traballando na organización da romaría de San Campio de Lonxe. Tamén queren informar que o número premiado da fabulosa cesta foi o 1650 e agradecen o apoio de tódalas empresas, establecementos comercias e particulares que xenerosamente doaron diferentes artigos. |