topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3456514

Alternativas visuais

js_element_orange
Aprobado o decreto que regula as unidades de xestión forestal PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 01 de Maio do 2008

A Consellaría do Medio Rural aprobou o decreto que regula as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), que poderán ser iniciadas polas persoas propietarias que queiran pór en valor os seus predios con criterios modernos de silvicultura e de sustentabilidade, permitindo ao mesmo tempo a profesionalización das actividades que decidan desenvolverse na súa superficie.

 

Así mesmo, as Unidades de Xestión Forestal, ao ser un instrumento previsto na Lei de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza, poderán ser creadas de oficio pola Administración, sempre que tal previsión apareza no Planeamento de defensa contra incendios forestais de distrito.


A constitución dunha Unidade de Xestión Forestal a iniciativa das persoas propietarias interesadas farase sempre previa proposta asinada por elas, para constituír posteriormente unha comisión de propietarios. Partirase na solicitude de constitución dun proxecto de estatutos para a devandita entidade e dun proxecto de Instrumento de Xestión Forestal Específico. Este instrumento tratará sobre a xestión conxunta da superficie forestal, que sexa consensuada polas persoas propietarias e que reflicta as súas expectativas de uso, sempre que tecnicamente se poida xustificar.


Respecto do Instrumento de Xestión Forestal Específico co que se xestionará a superficie forestal, lonxe de ser unha instrución detallada para a súa elaboración, trátase de que poida ser elaborado cuns parámetros técnicos áxiles e acordes cos obxectivos da Unidade de Xestión Forestal, respectando tamén a vontade das persoas integrantes sobre os usos e as capacidades propias do lugar no que se asenta.


Entre os obxectivos específicos das Unidades de Xestión Forestal figuran promover a xestión sustentábel do espazo forestal no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, valorizar o uso forestal e facer viables os aproveitamentos forestais mediante a reorganización das propiedades dos membros da Unidade de Xestión Forestal incluídas no seu perímetro, promover instrumentos prácticos que eviten o abandono das pequenas propiedades forestais, promover ferramentas que potencien a posibilidade de xestión de pequenas parcelas e que inclúan un planeamento de defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais, cohesionar territorialmente todo tipo de propiedades forestais integrándoas nunha mesma xestión e facilitar a aplicación territorial das medidas máis axeitadas para previr os incendios e loitar contra os lumes.


A delimitación do perímetro das Unidades de Xestión Forestal respectará preferentemente as seguintes divisións territoriais: redes de faixas de xestión de biomasa; ríos, lagoas e encoros; cumios ou vales; a organización administrativa territorial, outras Unidades de Xestión Forestal lindantes ou outras propiedades ou organizacións de titulares forestais que xestionen a súa superficie con criterios análogos de xestión técnica; terreos definidos nos plans de ordenación municipal ou nos plans de ordenación de recursos naturais con uso distinto ao forestal e límites parroquiais ou os correspondentes nos procesos de concentración parcelaria.


As unidades de xestión forestal inscribiranse no Rexistro de Unidades de Xestión Forestal de Galiza que se regula no decreto.


En definitiva, coa articulación das Unidades de Xestión Forestal ponse en valor o monte galego, tanto no seu aspecto ambiental como dende as perspectivas social e económica, dándolle cumprimento e desenvolvendo a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza.

 
< Ant.   Seg. >
Image
 
arela Xoería Creativa
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.