- O delegado de Medio Rural asistiu á presentación da Festa que se celebrará os días 24 e 25 de maio
A I Festa de Exaltación do Kiwi Galego celebrarase en Tomiño os vindeiros días 24 e 25 de maio. Organizada pola Concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal do Concello de Tomiño, reunirá a máis de 35 expositores, entre os que se atoparán os principais productores e comercializadores da zona.
A I Festa de Exaltación do Kiwi Galego foi presentada en rolda de prensa onte no Salón de Plenos do Concello, coa presencia do delegado provincial de Medio Rural, Gonzalo Constenla, o concelleiro de Cultura, Educación e Participación Veciñal, Jesús Castiñeira; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta da Asociación de Kiwicultores de Galicia. Dolores Muñoz Sánchez-Roda; a presidenta de ADETO (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Tomiño), Belén Alonso; e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños Terra Miño, Modesto Rouco. A festa, cun nutrido programa de actos, é organizada pola concellería de Cultura, Educación e Participación Veciñal e a Asociación Profesional de Kiwicultores de Galicia, conta co patrocinio da Consellería de Medio Rural e a colaboración de ADETO, Obra social de Caixa Galicia, e Kiwi Atlántico, S.A. Jesús Castiñeira explicou, con respecto á mesma, que "sempre quixemos, dende un enfoque cultural e gastronómico, organizar unha festa de exaltación dun produto con peso específico no noso concello, e o kiwi, parécenos que reúne as mellores condicións ao ser Tomiño un dos principais produtores deste froito". Dende a concellería "queremos agradecer á Asociación de Kiwicultores de Galicia por apostar por nós e por esta festa, e á Asociación de Veciños de Sobrada pola cesión da súa idea, proposta e colaboración prestada, ao igual que a todos os demais colaborares e patrocinadores". Pola súa banda, o delegado de Medio Rural, Gonzalo Constenla, destacou a calidade do froito que se produce en Tomiño debido a unha terra e un clima únicos e tamén ao "caracter emprendedor dos seus agricultores". Tamén asegurou non ver esta festa do kiwi como un evento gastronómico máis, senón como unha proba "da innovación e modernización deste sector e deste Concello". Constenla salientou a gran calidade dos kiwis producidos na comarca do Baixo Miño, e especialmente en Tomiño, "xa que pasan todos os controles, parámetros e condicións para ser uns dos mellores do mercado". A alcaldesa de Tomiño, pola súa parte, indicou que o propósito principal desta festa é a de por en valor os produtos da zona, así como promocionar os recursos económicos do municipio de cara a unha maior produción e comercialización. A I Festa de Exaltación do Kiwi Galego contará coa presencia de 35 postos ou casetas, entre os que estarán empresas produtoras e comercializadoras como Kiwi Atlántico ou Kiwi España. O programa inclúe, ademais, catas e degustación de kiwi e doutros produtos novos como aguardente e marmelada a base de kiwi. Haberá tamén xornadas técnicas, visitas guiadas ás plantacións, concursos de repostería, obradoiros de sobremesas, exposicións fotográficas e vinculadas á labranza, etc. Kiwi Atlántico será a firma encargada de doar os kiwis que se consumirán durante a festa, que se calculan entre 500 e 1000 quilos. Outro obxectivo dos organizadores é conseguir, coa colaboración dos comerciantes e empresarios e a través dun concurso, unha receita inédita dunha sobremesa a base de kiwi, que permita ofertala nun futuro como "Sobremesa feita en Tomiño". Descarga Bases do concurso "Sobremesa a base de kiwi" Descarga o programa da I Feira do kiwi |