|
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, anunciou que o vindeiro martes, no marco da Mesa do Leite, será abordada a concreción dun contrato homologado para o sector lácteo que regule as transaccións entre produtores e industrias, e permita contar cun horizonte de estabilidade e equilibrar a estacionalidade de prezos.
Respecto a esta nova convocatoria da Mesa do Leite, Suárez Canal sinalou que agarda "altura de miras por parte dos diferentes axentes do sector para que o traballo realizado acabe culminando na consecución deste contrato homologado" ao tempo que fixo un chamamento á unidade "porque- asegurou- pensamos que hai boas perspectivas para que o documento quede pechado ese mesmo día e agardamos que as actuais razóns de coxuntura non eviten que esto se poida consolidar". O conselleiro lembrou que o seu departamento xa puxera enriba da mesa unha proposta de contrato homologado no mes de xullo do pasado ano e que, se ben naquel momento non contou con excesiva receptividade, despois dun traballo discreto e de mediación por parte da Consellaría do Medio Rural, considera que neste momento as circunstancias son máis propicias para chegar a un acordo entre as partes. Suárez Canal asegurou que esta proposta inicial supuxo unha iniciativa pioneira no Estado e destacou que agora esta fórmula mesmo está sendo recollida no ámbito do Goberno español. O documento sobre o que se traballará o vindeiro martes, e ao que os diferentes axentes do sector poderán facer achegas, recolle tanto os prezos base do leite ao longo do ano como a evolución do mercado e dos custes de produción, o que permitirá facer un seguimento da evolución real dos diferentes factores económicos do sector lácteo galego. O titular de Medio Rural tamén destacou que un dos obxectivos prioritarios nos que leva traballando o seu departamento desde o inicio desta lexislatura é o de acadar máis estabilidade para o sector e promover que os produtores conten con rendas dignas e prezos xustos polo seu traballo. Neste sentido, Suárez Canal insistiu na labor de mediación desenvolvida polo seu departamento, lembrando que a fixación de prezos non entra dentro do seu marco competencial, e fixo referencia aos contratos homologados acadados con anterioridade no sector vitivinícola, "unha ferramenta que -segundo afirmou- tampouco foi acollida con moito entusiasmo nun principio e sen embargo agora todas as partes están satisfeitas con este tipo de acordos". |