|
Desde a Declaración de Windhoek celebrada o 3 de maio de 1991 cando uns xornalistas africanos reuníronse para o fomento dunha prensa libre e pluralista en todo o mundo, conmemórase todos os anos neste día, O Día Mundial da Liberdade de Prensa. Novas Xeracións da Guarda quere contribuír a este camiño de apertura e liberdade de expresión manifestando que “unha prensa libre, pluralista e independente é un compoñente esencial para calquera sociedade democrática”.
A importancia dos medios de comunicación nos nosos días ten un valor incalculable. Neles reside o poder de transmitir e facer chegar calquera información a calquera parte do planeta. Primeiro coa aparición da prensa, radio e televisión e hoxe en día co gran desenvolvemento das novas tecnoloxías e Internet. Por este motivo é vital para o desenvolvemento e a convivencia da nosa sociedade, que a información que nos chega ás nosas casas, estea rexida polos principios de liberdade, veracidade e independencia. Actualmente, en moitas partes do mundo esta liberdade está cohibida e ameazada por intereses políticos, económicos ou delituosos. Aínda son moitos os xornalistas que se atopan ameazados e que non poden exercer o seu traballo nun clima de harmonía e obxectividade. Por iso, desde NNXX expresamos a nosa solidariedade con aqueles xornalistas que son ameazados, encarcerados ou secuestrados cada ano no exercicio da súa profesión e reiteramos o maior rexeitamento por estas prácticas ditatoriais e inhumanas. Como di o artigo 19 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, denunciamos que "todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión, este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión". Así pois instamos a que os donos dos medios de comunicación avoguen pola defensa dun espazo de liberdade para os seus traballadores, a fin de que todos os habitantes do planeta poidan gozar da libre circulación das ideas e opinións. |