“Cantas cousas hai aquí que eu non necesito”. Din que esta frase foi pronunciada por Sócrates nunha feira ateniense. Recóllea o historiador Xosé Lois García na súa edición do Tao Te King, cando sinala que Lao Tse despoxárase de todo exceso e luxo buscando o camiño da naturalidade, abandonando “as máscaras onde o ser humano tenta refuxiarse de si mesmo”.
Mais hoxe esta frase de Sócrates e esta renuncia ás máscaras de Lao Tse pode ter para nós un novo significado. Porque si, hai algo aquí, neste Anteproxecto de Decreto de Bacharelato que presentou a Consellaría de Educación, que non necesitamos. Sobran horas de relixión. Tal vez Marx volvese enterrar a cabeza na súa tumba se, espertando no mundo de hoxe, vise como a integración da relixión católica no horario do alumnado do Bacharelato vaino privar de, por exemplo, unha hora de filosofía, desa filosofía que recolle a súa posición sobre a relixión: "A superación da relixión como felicidade ilusoria do pobo, é a reivindicación da súa felicidade real" Xa non hai forma de entender como esta Consellaría de Educación gobernada polo PSOE propón un proxecto que nace eivado pola teima de introducir o ensino da relixión católica, reitero, da relixión católica, nun tramo educativo que pretende formar o alumnado para acceder posteriormente a unha titulación universitaria ou a un ciclo superior. Pode alguén explicar por que lle cómpre a este alumnado cursar dúas horas de relixión? Cales son os argumentos científicos ou humanistas que dean conta da necesidade de reducir o horario de materias como Filosofía, Historia ou Educación Física para deixar oco á relixión? Somos todas e todos coñecedores de que se está propoñendo que haxa alumnado con 32 horas lectivas semanais de clase, que inclúen dúas horas de relixión, e alumnado con 30 horas semanais porque non cursan esa materia? Porque non, non hai alternativa, nin nada semellante, uns cursan relixión e outros non cursan nada; mais si, todos terían unha hora menos de Filosofía, de Historia e de Educación Física, esta última materia reducida a unha hora (e se descontamos o tempo de preparación e aseo, a media hora), a metade do horario que terá a relixión. Esta é a proposta. E é inasumíbel. E o que menos se pode entender aínda é que haxa quen actúe de cómplice innecesario, dicindo que non está de acordo, mais sen mover un dedo para que algo mude. Aparentan ser laicos e estar comprometidos co progreso, mais as súas accións desméntenos. Eu pregúntolles: escoitaron os berros dos miles de profesoras e profesores, das alumnas e alumnos que o día 29 saíron á rúa apoiando a folga convocada pola CIG-Ensino contra este Decreto? Con canta facilidade criticamos o que está lonxe, o velo das mulleres e os estados confesionais en que a relixión ten lugar na cadeira gubernamental, mentres aquí aparentamos vivir nun estado aconfesional, que na realidade respecta os privilexios dunha relixión que mantén o poder sobre os cidadáns e o propio estado, un estado que non ousa mudar estas cuestións de base para non incomodar ás altas xerarquías, as mesmas que nos inculcarán resignación e obediencia, sufrir neste val de bágoas mentres agardamos a salvación da alma, malia que existan outras ferramentas para salvarnos, as ferramentas coas que nos dota o coñecemento e a dialéctica. |