|
A Consellaría do Medio Rural reforzará o dispositivo contra incendios durante a tempada de máximo risco coa contratación de persoal de prevención e extinción mediante a empresa pública Seaga, co obxectivo de garantir a presenza na totalidade do territorio galego e de facilitar o mando único.
Esta dotación de persoal, que formaba parte anteriormente das brigadas municipais, integrarase desta forma no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, no camiño da maior profesionalización e da mellora das condicións laborais, contratado a través dunha empresa pública cun proceso de selección caracterizado pola transparencia e no que se ofreceu a participación dos propios sindicatos. O dispositivo contra incendios dispón de persoal laboral, fixo-descontinuo e de reforzo de verán. Os sindicatos foron informados dende a creación da empresa pública Seaga desta planificación programada pola Consellaría do Medio Rural, co obxectivo de que o persoal de reforzo se integrase na mesma de forma progresiva, cun sistema de contratación idéntico ás listaxes de Función pública, en canto á igualdade de oportunidades segundo méritos, capacidade, publicidade e transparencia. Así, o proceso aberto de selección do persoal é igual de transparente que o de convocatorias anteriores debido ao carácter público de Seaga. De feito, en moitas categorías entran todos os que cumplen os requisitos e están inscritos na convocatoria e mesmo se chegou a recorrer ao INEM porque se agotaron as listaxes, como xa aconteceu o ano pasado, co que as persoas que superen as probas de aptitude física van ter oportunidade de continuar neste traballo. O TSXG recoñeceu a capacidade de libre iniciativa da Consellaría do Medio Rural para organizar a prevención e defensa contra incendios forestais, unha actuación que está considerada de interese público. Neste sentido, o órgano xudicial avala a capacidade da empresa pública Seaga para xestionar a prevención de incendios, así como o resto de actividades para as que foi creada como sociedade pública. O dispositivo complétase co novo sistema de organización territorial, xunto coas melloras tecnolóxicas introducidas no operativo, o mantemento do labores de prevención e a presenza das forzas de seguridade do Estado. Algúns dos sindicatos que cuestionan a Seaga defenden noutros territorios que todo o persoal contra incendios se contrate a través de empresas similares, o que evidencia unha contradición e a intencionalidade de que o Goberno galego non conte con instrumentos análogos aos que funcionan noutras comunidades. |