topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3456549

Alternativas visuais

js_element_orange
Novos produtos cartográficos do sistema de información territorial de Galiza (SITGA) PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 07 de Maio do 2008

O director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, Gonzalo Flores Calvete, e o xerente da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza, Emilio Martínez Rivas, presentaron onte en Lugo os novos produtos cartográficos elaborados polo Sistema de Información Territorial de Galiza (Sitga), dependente desta última sociedade.

 

Trátase do CD "Indicadores do uso do solo", no que se inclúen datos por comarcas e parroquias dos cambios no aproveitamento da superficie agraria forestal, e dun disco duro cos mapas de Galiza máis solicitados. No acto, tamén participaron o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno, e mais o responsable da área de Aplicacións Xeográficas do Sitga, Marcial Díaz Manso.


Durante a presentación, Gonzalo Flores Calvete sinalou que o estudo sobre o uso do solo facilitaralle á Consellaría do Medio Rural o deseño de políticas de revalorización das superficies agrarias abandonadas, de xeito que se transformen en explotacións renovadas e competitivas, e que contribúan tamén a reducir a incidencia dos incendios forestais.


O Sitga -dependente da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza- foi o encargado de detectar, cuantificar e realizar un seguimento dos usos e das coberturas do solo das comarcas e das parroquias galegas, aproveitando os sistemas de información xeográfica como ferramentas técnicas para sintetizar a dinámica territorial. Neste sentido, tomou como base o Mapa de Coberturas e Usos do Solo de Galiza para deseñar os indicadores de clasificación dos usos do solo cos que elaborou bases de datos de consulta e de análise, que ofrecen información tanto estatística como cartográfica, a través de mapas temáticos.


Os conceptos nos que se basean estes indicadores son a Superficie Agraria Útil (que inclúe zona agrícola, zona de gandaría moderna e zona de gandaría tradicional), Superficie Forestal (composta por pasteiro arbustivo, mato, zonas forestais de repoboación e zonas forestais autóctonas), Superficie Forestal Arborada (zonas forestais de repoboación e zonas forestais autóctonas) e Superficie Forestal Desarborada (composta por pasteiro arbustivo e mato).


Os datos que se derivan desta publicación constitúen unha das principais fontes de coñecemento na planificación e na avaliación das actuacións sobre o territorio e sobre o desenvolvemento do rural. A través desta análise, preténdese axudar a diagnosticar situacións e conflitos actuais, potenciar o debate e a participación dos distintos axentes económicos e sociais, así como servir de apoio á implantación de novas liñas de actuación. "Indicadores do uso do solo" distribúese en formato CD a través da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza e da súa páxina web www.comarcasdegalicia.com.


Outro dos produtos presentados foi un disco duro no que se ofrece todo tipo de información cartográfica de Galiza, isto é, bases topográficas, cartografía de escalas medias, mapas relacionados co medio natural (litolóxico, hidroxeolóxico, de espazos naturais e de usos e coberturas do solo), mapa comarcal, mapa de parroquias, mapas de densidade de poboación ou mapas de relevo. Este servizo tamén inclúe capas de información preparadas para seren utilizadas con programas de Sistema de Información Xeográfica. As temáticas que tocan neste apartado son os camiños de Santiago (percorridos diferentes e localización dos albergues), as comunicacións (estradas, trens, camiños), os espazos naturais (tamén a nivel estatal e europeo), a hidrografía (rede hidrográfica, cuncas fluviais e toponimia de hidrografía), límites e poboación, marcos das series cartográficas, toponimia relacionada co relevo, usos do solo, vexetación e xeoloxía.


Emilio Martínez Rivas salientou durante o acto que o disco duro contará cunha configuración básica que é posible modificar a partir de peticións específicas, de xeito que se personalice o servizo en función das necesidades do usuario. Este novo produto distribuirase tamén a través do servizo de publicacións da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza, na web www.comarcasdegalicia.com ou no teléfono 981 54 26 08.

 
< Ant.   Seg. >
Image
 
arela Xoería Creativa
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.