|
Leccións desde a India Alberto Montero Soler ”Acertadamente ou non, a xente percibe que a compravenda de contratos de futuros nos alimentos é especulativa e leva a un aumento dos prezos. Nunha democracia tes que atender esa opinión”. Estas son as sorprendentes e atinadas palabras do ministro de Finanzas da India, o país con maior porcentaxe de poboación pobre do mundo e onde se está pensando en excluír os alimentos da negociación nos mercados de futuros.
De entrada, sorprenden porque se esa é a percepción que a poboación india ten do problema da subida dos prezos dos alimentos e se esa é a proposta de solución que expón, o seu nivel de coñecemento das causas da inflación contemporánea é máis que envexable. De feito, é equiparable á que ten Jean Ziegler, o saínte Relator Especial das Nacións Unidas para a Alimentación, quen estimaba que a especulación financeira é responsable do 30% da explosión dos prezos dos alimentos.
E é que non andan moi desencamiñados os indios porque a entrada do capital financeiro especulativo nos mercados de materias primas acontecida nos últimos anos e agravada nos meses recentes contribuíu de forma decisiva á alza dos prezos dos alimentos. Así, segundo a FAO, no último ano o trigo encareceuse un 130%, o arroz un 74%, a soia un 87% e o millo un 53%.
É máis, no mercado de materias primas de Chicago, o número de contratos aumentou un 20% desde principios de ano e, actualmente, negócianse máis dun millón de contratos diarios. Por ofrecer outro dato que reforce o argumento: en torno ao 50-60% da produción de trigo comercializada nos mercados de materias primas está controlada por fondos de investimento especulativos.
Neste sentido, o aumento do investimento financeiro especulativa non só está dando lugar a unha maior volatilidade dos prezos senón que, ademais, nun contexto de demanda de alimentos á alza e limitacións na produción, tradúcese en subidas continuadas dos mesmos que, como sempre, padecerán quen posúen menos recursos.
En calquera caso, o que máis me sorprende desa declaración é o recoñecemento do ministro de Finanzas indio de que nunha democracia o pobo non fala tan só unha vez cada certo tempo, cando deposita o seu voto nas urnas, senón que ten dereito a falar en todo momento e os gobernantes teñen a obrigación de escoitalo e obrar en consecuencia.
A ese concepto da democracia gustaríame que se achegasen quen gobernan o noso país cando a poboación clama porque deixe de tratarse a vivenda como unha mercancía, masivamente adquirida con fins especulativos, e trátese, polo menos, como o que recoñece a nosa Constitución. Isto é, como un dereito fundamental. Será tan difícil? Témome que si. Alberto Montero (
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
) é profesor de Economía Aplicada da Universidade de Málaga. Podes ver outros textos seus no seu blog La Otra Economía. Artigo publicado en Rebelión traducido ao galego por InfoRosal.com |